O Partido Popular de Santiago, a través do concelleiro José Ramón de la Fuente, pedirá, no Pleno ordinario da vindeira semana, a inmediata licitación dos contratos dos servicios da rede de Centros Socioculturais e que o BNG garanta a prestación dos mesmos.
O concelleiro popular recorda que “os nacionalistas anunciaron, xa hai case un ano, a inminente publicación duns novos pregos pero, a día de hoxe, aínda non os coñecemos, nin se aprobaron, nin se publicaron e non deron explicación algunha, convertendo a situación en insostible”.
“A deficiente prestación de servizos derivada desta contratación é evidente, tanto que, aínda que cabe posibilidade de prórroga ata 2026, os nacionalistas decidiron e anunciaron o inicio dun novo procedemento de contratación, por iso, non se comprende a demora en sacar esta licitación, que roza xa a neglixencia”.
O edil popular subliñou que “é inevitable preguntarse se detrás desta indolente actitude está a habitual incapacidade de xestión que está a demostrar este goberno, senón que expliquen que ou quen non lles deixa aprobar ese expediente e iniciar o procedemento ou intenta interferir na súa redacción”.
De la Fuente remarcou que “ao pouco de formalizar os actuais contratos, xa se puxeron de manifesto as eivas dos pregos e o BNG sabe e, aínda así, demora inexplicablemente o inicio dun novo procedemento e a prórroga dos actuais contratos por un ano, enquistando o problema que xa se arrastraba”.
“É inevitable relacionar a deficiente xestión destes contratos cos retrasos na percepción dos salarios dos máis de 70 traballadores da empresa, que presentou, recentemente, unha solicitude para rescindir o seu contrato, algo está pasando cando a compañía dá este paso”, remarcou.
O popular reiterou a necesidade da inmediata publicación e licitación destes contratos, “esixirémoslle ao BNG que garanta a prestación dos servizos da rede de Centros socioculturais, para que os usuarios non se vexan afectados pola problemática orixinada pola incapacidade dos nacionalistas”.