O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, vén de denunciar que o Goberno central, a través de ADIF, leva meses instalando pantallas ao paso da liña do ferrocarril, a pesar das queixas da veciñanza, que se opón rotundamente a súa colocación, porque “a altura destes elementos e a curta distancia ata as vivendas provocará que os inmobles acaben cegados, sen vistas, sen luz natural e sen ventilación”.

A veciñanza, unha vez máis, séntense abandonada, tanto polo BNG, como polo PSOE, xa que son os que poden poñerlle freo a esta situación pero non fan nada, a pesar do descontento das veciñas e veciños, que este sábado, día 14 de decembro, manifestáronse polas rúas compostelás, acompañados polos nosos concelleiros, José Antonio Constenla e Nerea Barcia.

“Así, explica o popular, nesta ocasión, son os veciños de Laraño os que advirten de que, ademais de todos estes problemas, nesta zona hai que sumar que a parroquia quedará dividida irremediablemente en dúas partes”.

Segundo o popular, “os veciños nin queren, nin pediron estas moles, xa que consideran que as pantallas que están colocadas desde hai anos son suficientes, teñen tres metros de altura e, ademais, son transparentes, polo que deixan pasar a luz; sen embargo, as novas, son opacas e contan con máis de seis metros de altura, polo que converterán a algunhas casas nunhas auténticas covas”.

De la Fuente subliñou que “os veciños insisten en que eles non pediron as pantallas, de feito, -aseguran- que non padecen ningún problema co ruído do tren”, mentres que estes ”mamotretos illan á parroquia e eles terán que padecer unhas obras, para resolver un problema que non teñen”, manifestan, e se preguntan “que pode haber detrás do interese en gastar eses cartos innecesariamente, tendo as carencias que teñen na parroquia”.

Cabe sinalar que na urbanización de Vilagueira xa foron instaladas e os veciños se queixan de terse quedado sen vistas e sen luz e engaden que os niveis de ruído ao paso do tren son exactamente os mesmos de antes. Ademais, denuncian que “nin ADIF, nin os nacionalistas se preocuparon de informar do alcance das obras e das consecuencias que, sobre as vivendas, os viais e a parroquia terá a instalación deses muros”.

Así mesmo, o edil popular remarca que “as zapatas para instalar esas pantallas de máis de seis metros de altura son bastante máis grandes que as actuais, polo que a súa instalación provocará o estreitamento da calzada. Concretamente, na estrada de Casal e na rúa de San Roque de Laraño non será posible manter o dobre sentido de circulación, polo que se preguntan que solución valorou o BNG para ese problema”

“Esta situación -explicou- vese agravada polo incremento de tráfico detectado na zona, por culpa das obras de humanización do Milladoiro, unhas obras que prexudican gravemente aos veciños de Laraño e contra as que os nacionalistas non moveron un dedo”.

Por outra banda, o popular remarcou que “as pantallas serán instaladas na contorna da antiga estación de Casal, conxunto rexistrado no Catálogo de Bens Culturais, circunstancia que non impediu obviar a ADIF e aos nacionalistas de establecer algún tipo de prevención e protección, ao contrario, seguen adiante cun proxecto que afectará negativamente a ese ben protexido”.

Para o popular, resulta sorprendente “a falta de empatía e respaldo cos afectados, xa que o BNG coñece a situación, xa ocorreu na pasada primavera na contorna do Rial de Conxo, e os veciños non contaron co apoio dos nacionalistas, posto que non quixo defendelos, para que ADIF buscara unha solución menos agresiva a unha problemática inventada”.

“A alcaldesa e concelleiros -remarcou- debían poñerse no lugar dos veciños, en vez de dar a cara por ADIF, deberían xa ter contactado coa xerencia deste organismo e buscar unha solución a unhas obras que afogarán os fogares deses veciños, , parecen máis preocupados por non crearlle problemas a ADIF”.