A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, vén de denunciar a inacción do BNG no desenvolvemento de calquera tipo de proxectos de Voluntariado Sénior no concello de Santiago. A popular remarcou “a necesidade de que se apoie a participación e o envellecemento activo da veciñanza a través deste tipo de proxectos, co fin de proporcionar, ás persoas de máis idade, oportunidades para seguir sendo partícipes activos na sociedade”.

“Estes asuntos non son unha prioridade para o BNG, xa que non consta que promovera ningunha iniciativa no marco do programa Voluntariado Sénior que ofrece ás persoas maiores de 55 anos a oportunidade de desenvolver actividades de voluntariado”, insistiu.

A edil popular insistiu en que “os principais beneficios da participación neste programa son, entre outros, a mellora das relacións sociais e a diminución da soidade non desexada, o apoio á autoestima e estimulación cognitiva”.

“A inacción dos nacionalistas -agregou- leva a Compostela á notable perda de oportunidades para a veciñanza, xa que nin se molesta en pedir fondos para desenvolver proxectos de voluntariado, nin para as persoas de máis idade, nin para as máis novas, pois tampouco promove proxectos de voluntariado xuvenil nin do Corpo Europeo de Solidariedade”.

Yolanda Otero remarcou que “o voluntariado é un activo intanxible de enorme valor social, pero está totalmente vilipendiado polo BNG, como xa o leva denunciando o PP de Santiago, posto que o municipio non conta cun Plan estratéxico de Voluntariado; a Oficina Municipal de Voluntariado está inactiva; e o concello nin concorre ás distintas convocatorias de axudas para programas de voluntariado, como o Corpo Europeo de Voluntariado, entre outras”.

“A todo isto, hai que sumar o feito de que o BNG segue sen actualizar os datos de contacto do concello no portal web de entidades galegas de voluntariado, -agregou, unha mostra máis do total esquecemento no que se atopa sumido o voluntariado por parte dos nacionalista”.