A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, vén de propoñer a adhesión de Santiago á Rede de Cidades “Fast Track”, por unha cidade libre de VIH/sida, outras infeccións de transmisión sexual e o estigma asociado, co fin de que Compostela conte cunha folla de ruta estratéxica, para acelerar a resposta ao VIH/Sida, frear as infeccións e acabar co VIH no 2030.
A popular explicou que “se trata dunha rede de traballo internacional entre concellos para alcanzar o obxectivo de “ONUSIDA, horizonte “95-95-95-95”, para que o 95 % das persoas afectadas coñezan o seu estado serolóxico; que o 95 % dos diagnosticados sigan un tratamento adecuado de forma continuada; que o 95 % dos que estean en tratamento supriman a carga viral; e que o 95 % das persoas con VIH gocen de calidade de vida, con cero estigma e discriminación”.
Otero remarcou que para acadar estes obxectivos, “o papel do goberno municipal é fundamental, hai que traballar no reto común de acabar con esta pandemia da VIH, polo que dende o PP propoñemos que se desenvolvan medidas, para que a capital de Galicia asuma o liderado e se converta nun referente local, autonómico, nacional e internacional neste reto común”.
“Como cada ano, -indicou- o pasado 1 de decembro conmemorouse o Día Mundial do Sida, baixo o lema “Sigamos o camiño dos dereitos”, un chamamento á acción para protexer a saúde de todas as persoas salvagardando os seus dereitos, polo que é imprescindible que o concello de Santiago pase á acción”.
No ano 1984, chegaron os primeiros casos de infección polo VIH a Galicia, 40 anos despois, lamentablemente, este virus persiste, os patróns de transmisión foron mudando e as medidas de prevención tamén, pero o virus sigue presente na sociedade actual e Santiago non é allea a esta problemática.
Como explicou a edil popular, “a iniciativa “Fast-Track Cities” enmárcase nunha rede global de cidades con catro socios principais: o Programa conxunto das Nacións Unidas sobre o VIH/Sida (ONUSIDA); a Asociación internacional de Provedores de coidados para o VIH/sida (IAPAC); o programa de Asentamentos Humanos (UN-Hábitat); e a cidade de París, como impulsora”.
Dende o seu lanzamento en 2014, moitas cidades de todo o mundo, sumáronse á sinatura da Declaración de París sobre Cidades de Acción Acelerada para acabar coa epidemia do VIH. Así, na Declaración política da ONU sobre o VIH e o sida de 2021 establece que non se conseguirán estes obxectivos sen a plena participación das comunidades afectadas, establecendo a necesidade de pasar do compromiso á acción.
“No ano 2022, en Sevilla -destacou Yolanda Otero- propúxose definir e facilitar a posición das comunidades afectadas no centro das respostas urbanas ao VIH, con obxectivos específicos e medibles da participación comunitaria, sobre todo, no ámbito da prevención, atención psicosocial especializada e abordaxe do estigma nas comunidades máis vulnerables. Así mesmo, incorporáronse outras infeccións de transmisión sexual, a hepatite vírica e a tuberculose”.
Neste contexto, reiterou, “dende o Partido Popular instamos á adhesión de Santiago á referida rede internacional “Fast Track Cities”, para frear as infeccións, mellorar a saúde das persoas portadoras do virus, unha mellor e maior información e concienciación na eliminación do estigma e poñer fin á pandemia do VIH na nosa cidade no ano 2030”.