O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, pregúntase cal era o motivo das presas do BNG para poder establecer unha taxa turística en Santiago, “que fixeron nestes 6 meses, por que non hai xa borradores da futura ordenanza fiscal, perderon o tempo e non fixeron nada e co único que nos atopamos agora é cunhas declaración nas que non hai nin cronograma nin data”.
“A día de hoxe, -dixo- os únicos que fixemos algo pola taxa turística en Santiago, fomos Partido Popular de Galicia de Alfonso Rueda e o PP de Santiago de Borja Verea, dixemos que o día 1 ía a haber habilitación legal para a taxa turística e aí está, outros levan dous ou tres anos falando e, cando chega o momento de remangarse, temos que esperar a ver con que desculpas nos sorprenden”.
“Polo que agora, só houbo varios foros aos que se nos invitou como un actor máis da cidade e alí estivemos, non como coordinadores dos mesmos, senón como participantes, polo que non temos máis coñecemento que ese”, remarcou.
O popular reiterou que, neste momento, “non hai un cronograma, non hai unha data, cando este verán podería haber unha taxa turística activa, porque en seis meses pode aprobarse, perfectamente, unha ordenanza fiscal” e engadiu que “esperemos que non todo quede no de sempre, discursos baleiros e cando toca poñelos en marcha e traballar pois nada de nada”.
Borja Verea remarcou que, está demostrado que “para os nacionalista, este asunto tan só é unha arma política e a única política útil para a capital de Galicia é a do Partido Popular, que logrou que houbera autorización para aplicar dita taxa”.
O líder popular destacou que “está en mans dos nacionalistas que a taxa turística sexa unha realidade en Compostela, pero como noutros casos, a verdadeira intención do BNG é crear enfrontamentos e botarlle a culpa aos demais do que eles mesmos non fan”.
“A realidade que ten que soportar a veciñanza compostelá é que os nacionalistas non teñen gañas ou capacidade para xestionar, no só a taxa turística, senón calquera asunto da cidade”, incidiu Verea.
Borja Verea insistiu en que “o que están a facer os nacionalistas en Compostela é o mellor exemplo dun goberno acomplexado, pequeno e sen ambición algunha, polo que lle esiximos que se poñan a traballar dunha vez e deixen de marear a perdiz coa taxa”.