A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, reclamou a sinalización mediante pictogramas dos edificios e espazos municipais e dos pasos de peóns no termo municipal, co fin de promover e favorecer a inclusión social; a accesibilidade cognitiva; e a igualdade de oportunidades para toda a veciñanza, tendo en conta que a linguaxe dos pictogramas é universal.

Para a popular, “a capital de Galicia debe avanzar cara unha cidade amable, con accesibilidade universal para todas as persoas, polo que, é imprescindible, traballar na creación de espazos accesibles cognitivamente, con elementos que identifiquen os edificios e espazos públicos, facilitando a súa percepción e comprensión; e nos pasos de peóns, para identificar cando e como cruzar as vías públicas”.

Otero incide en que “as necesidades específicas das persoas que teñen problemas de cognición fai patente a necesidade de que o Concello conte con instrumentos que melloren a súa comunicación e accesibilidade mediante Sistemas aumentativos e alternativos de comunicación (SAAC), é dicir, con formas de expresión que buscan aumentar o nivel de expresión ou compensar as dificultades para a comunicación”.

“Así -subliñou- facilitaríase a máxima independencia persoal e social, ademais da participación na sociedade da maneira máis autónoma posible; e contaríamos cun sistema de apoio que redundaría na mellora da calidade de vida da veciñanza”.

A concelleira popular explicou que “a accesibilidade cognitiva beneficia a todas as persoas pero, sobre todo, a aquelas con capacidades diferentes, dificultades cognitivas ou problemas de comunicación”, incluso tamén pode ser útil para as persoas estranxeiras que non dominan as linguas oficiais ou as persoas maiores con deterioro cognitivo”.

Cabe sinalar que a linguaxe pictográfica transmite as mensaxes con simplicidade e claridade, máis alá das fronteiras culturais, lingüísticas ou cognitivas, xa que non representa palabras senón realidades.