Como lembra a concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, “despois de denunciar, en varias ocasións o estado no que se encontra a zona do Combarro, no barrio do Castiñeiriño, comezamos o ano volvendo a demandar melloras urxentes para esta zona do municipio”.

Otero destacou que, “tras as chuvias dos últimos días, os veciños e veciñas desta zona volveron a poñerse en contacto con nós, co fin de denunciar unha situación que se repite, dende hai anos, cada vez que chove con certa intensidade”.

“O paso inferior das vías do tren, que conecta o Casal co Combarro, anégase por completo, – insistiu a popular-, sendo imposible poder transitar polo mesmo, o que impide a conexión entre ambas zonas e obriga aos veciños a usar outro itinerario”.

Ademais desta situación, remarcou Otero, “dende o Partido Popular de Santiago alertamos tamén, no pasado mes de decembro de 2023, do estado das ficas anexas aos terreos de Adif, como consecuencia das obras executadas pola entidade, que quedaron totalmente impracticables para calquera tipo de actividade”.

“Reclamamos e vémonos na obriga de volver a facelo agora, -explicou-, xa que a situación continúa sendo a mesma, os nacionalistas deben esixirlle a Adif a reposición inmediata do estado en que se encontraban estes terreos antes de ditas obras”.

Así mesmo, a popular lembrou que, en decembro de 2024, “advertimos ao BNG do estado no que se atopaban as rúas a consecuencia da falta de limpeza, con acumulación de maleza e follas de árbores, o que favorece a presenza de insectos e outra bichería, así como da necesidade de levar a cabo a limpeza das gabias, posto que o estado actual impiden a correcta evacuación da auga, que nalgúns casos chega incluso a entrar nas casas”.

“A veciñanza di sentirse completamente abandonada e impotente ante a falta de respostas dos nacionalistas e trasládannos que, en varias ocasións, puxeron en coñecemento do BNG a situación do barrio, pero a resposta sempre é a mesma: silencio e ningún tipo de resposta ou solución”, advertiu.

Olaya Otero concretou que, “pese ao cambio de ano e todas as advertencias realizadas, respecto deste e tantos outros asuntos, o BNG segue instalado na desidia e o “pasotismo”, polo que se fai imprescindible que, de unha vez por todas, escoiten á veciñanza e entendan que deben traballar para ofrecerlle solucións e respostas aos problemas da cidade”.