O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, asegurou, durante o Debate do Estado do Concello, que o seu goberno apostaría sempre por levar a Santiago á vangarda da innovación polo que “crearía unha concellería de Industria, Ciencia e Innovación, para conseguir en Santiago unha auténtica revolución creativa”. Así mesmo, engadiu que tamén establecería “o obxectivo de atraer talento, reter proxectos industriais, crear emprego con valor engadido e construír xuntos unha Capital da Ciencia e a Innovación”.
Durante a súa intervención, Verea sinalou que “nun debate tan importante como o de hoxe hai unha única pregunta que nos deberíamos facer todos: está mellor Santiago que hai 2 anos?, para ser máis exactos: está mellor Santiago que hai 10 anos?”.
“Tamén nos preguntamos -dixo- se a alianza de PSOE, BNG e CA, que se estende xa durante unha década, conseguiu un Santiago máis moderno?; e se volveu Santiago a ser un referente arquitectónico, cultural, artístico ou urbanístico?; despois de 10 anos, temos unha Compostela máis universal, máis internacional, máis aberta ao mundo?; ten mellores servizos públicos, mellores autobuses, mellor tráfico, mellores accesos?; é hoxe Santiago unha cidade máis limpa?; e é máis sinxelo conseguir unha vivenda?.
O popular quere que sexan os composteláns os que respondan a estas preguntas, que cada compostelán que sinte a nosa cidade responda con total liberdade.
Borja Verea asegurou que “o exemplo máis triste e máis descarnado da ineficacia tripartita nestes 10 anos é, sen dúbida, o servizo de autobuses, un servizo que é a bandeira da derrota desta unión, que sufre 10 anos de retraso e malgastando os cartos dos composteláns, que só ten como resultado ser o peor transporte público do país, xa que non hai conexión cos barrios e parroquias; non hai frecuencias, nin marquesiñas, nin unha aplicación que funcione e dea información á veciñanza”.
No eido da limpeza, si contamos cun novo contrato, o máis caro da historia de Santiago, “nunca pagaron tantos os santiagueses pola limpeza e nunca a cidade estivo tan sucia -subliñou. Sufrimos problemas na recollida, rúas sen servizo, camións e maquinaria sen renovar”.
“A terceira bandeira desta ineficacia total da unión tripartita é o contrato da auga, que xa vai a cumprir o seu cuarto aniversario caducado, outra falta de respecto aos veciños que ven como rompen tubarias cada semana; o rural segue sen rede pública de abastecemento; e non contamos con investimentos, nin solución para aliviar as inundacións, cada vez máis frecuentes polo cambio climático”.
Borja Verea reitera que “estes tres servizos públicos fundamentais levan 10 anos de deterioro como consecuencia da ineficacia da unión de PSOE, BNG e CA, realmente, algún membro de PSOE, CA ou do BNG poderá dicir hoxe, nesta sesión solemne e pública, que o servizo de autobuses ou o servizo da auga están mellor que hai 10 anos? Evidentemente non”.
“Este pacto tripartito -agregou o popular- levou tamén á administración interna do Concello a niveis de operatividade descoñecidos en Compostela, con departamentos en situación practicamente de colapso técnico; cun récord de retraso no pagamento das facturas; baixas execucións do orzamento; perda de fondos europeos, como os dous millóns de euros anunciados para renovar e modernizar a Praza de Abastos, que aos poucos meses din que era imposible executalos”.
“Preguntámonos -destacou- cando mentiron, cando deron os anunciaron ou cando foron pillados co carrito dos xeados perdendo 2 M€ de todos os santiagueses; pasou algo?, dimitiu alguén?. Estamos ante un exemplo da obsesión que teñen pola propaganda e por non asumir responsabilidades.
Borja Verea indica que se poderían coller moitos expedientes de contratación, expedientes de obra para demostrar a ineficacia desta “coalición”, pero “escollín a reurbanización da rúa García Lorca, cun contrato que se formalizou en xullo de 2023, pero a dirección de obra tarda 10 meses en licitarse e, ante esa demora inxustificada, houbo que resolver o contrato e comezar de cero, a realidade e que pasado xa un ano nada se fixo, é dicir, 17 meses de retraso nunha rúa de Santiago”.
“Estamos ante departamentos en situación de colapso técnico, con retrasos recoñecidos polos propios responsables, pasan meses para poñer un andamio, para unha licencia, e estamos ante o primeiro goberno que non respectou un informe da Comisión de Patrimonio, polo que podemos esperar dun goberno, o BNG, e dunha alcaldesa que non protexe o Casco Histórico?, iso que falamos da peza fundamental da cidade, da que nos fai universais”, dixo.
“É vostede a primeira alcaldesa da historia de Santiago -dixo- que ten abertos expedientes por agredir e danar o patrimonio do Casco Histórico ante o Valedor do Pobo e Patrimonio autonómico, polo beirarrúas de camións de gran tonelaxe á Praza do Obradoiro, que rebentaron o seu enlousado; e, máis recentemente, autorizaron a substitución das luminarias históricas do Campus, por unas luminarias de polígono industrial”.
O líder popular remarcou que Santiago é a capital emocional do país, a cidade de todos os galegos, pero tamén centro xeográfico das comunicacións; é unha cidade creativa e con capacidade de xerar valor engadido, por que CA, PSOE e BNG decidiron, estes 10 anos, darlle as costas a este valores e principios?, a realidade é que é un drama a falta de política industrial, a falta de iniciativa en innovación e a ausencia da ciencia nesta década.
En materia de xuventude e infancia, o popular remarcou que tampouco a paisaxe é mellor, xa que “o único que atopamos son incumprimentos, mentres que nós mantemos a nosa promesa e o noso compromiso dunha rede de cociñas propias nos colexios e vostedes renunciaron a este compromiso e queren ese método de cocina central, polo que lle pedimos que recapaciten, abandonen ese sistema de catering frío que queren manter e traballemos xuntos, para que cada colexio teña a súa propia cociña, aí si nos van a atopar”.
Santiago non é hoxe unha cidade inclusiva e con accesibilidade universal, cabe lembrar que hai poucas semanas, Compostela foi escenario dunha protesta por parte de persoas con discapacidade, que rematou coa lectura dun manifesto reivindicando o dereito a mobilidade, polo que “pedimos un compromiso real e firme co colectivo de persoas con discapacidade e que estarían no centro do debate político”.
En canto as persoas maiores, en Compostela temos 23.000 persoas con 64 anos ou máis e moitas viven soas, nunha situación de illamento e soidade, polo que nós reiteramos a nosa petición dunha estratexia municipal de soidade non desexada; un programa de voluntariado sénior; vivendas colaborativas para persoas maiores; e a adhesión á rede de cidades amigables coas persoas maiores.
Noutro eido, Borja Verea subliñou que unha porcentaxe importante da nosa poboación vive no rural e pagan impostos, pero non están atendidos, polo que preguntámonos: está mellor o rural compostelán despois de 10 anos de BNG, CA e PSOE?.
“A mellor avaliación para o noso rural -dixo- é compáralo cos concellos cos que limita: Boqueixón, O Pino, Vedra ou Trazo, que servizos teñen?; como está o abastecemento?; o coidado das pistas?, a ese rural temos que aspirar, por certo, practicamente, todos gobernados polo PP, co que o compromiso do Partido Popular co rural demóstrase en todos estes concellos, ese é o noso modelo e o noso obxectivo”.
Borja Verea finalizou lembrando que “nós queremos gobernar, a nós gustaríanos estar gobernando e, nas elección do 2023, por primeira vez en moitos anos, houbo unha gran forza de cambio que rozou contra todo prognóstico a maioría absoluta; e que, en 2027, vai a conseguir o resultado histórico de frear a esta longa unión tripartita de PSOE BNG CA, que leva 10 anos paralizando Santiago”.
“Queremos volver a poñer a Compostela en marcha, con ambición, con seriedade, con solvencia, con serenidade, con paciencia, pero con máis ganas que nunca”, agregou.