Os concelleiros do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente e Nerea Barcia, visitaron estes días ás veciñas e veciños de Santa María de Figueiras, concretamente, aos de Folgoso, tras recibir numerosas queixas por mor dunhas inundacións que, dende hai un tempo, se repiten cada vez que chove con certa intensidade e que, máis dunha semana despois, seguen impedindo a entrada con normalidade nas vivendas.

Durante a xuntanza coa veciñanza, explicáronlles que, a pesar das demandas dunha solución ao BNG, o goberno local non os atende, polo que a zona segue enchéndose de lama e auga, co que se fai necesaria unha inmediata limpeza das gabias e as estradas.

A concelleira popular asegura que os veciños están desesperados, “xa que unha situación así non sucedera nunca” e indican que “son conscientes das fortes choivas, pero tamén da falta de limpeza e mantemento por parte dos nacionalistas”.

“Os veciños xa nos indicaron que a Asociacón de Veciños de Figueiras notificara o estado da zona e a posibilidade de inundacións o pasado mes de outubro e aínda seguen agardando resposta”, reiterou Nerea Barcia .

A popular subliña que “o BNG continúa sen actuar, sen escoitar aos veciños, que máis doado non llo poden poñer, xa que, a pesar de ter advertido da situación, ninguén se puxo en contacto, nin se molestaron en ir limpar a zona”.

“Máis dunha semana despois do episodio de chuvias fortes, -agregou- a auga segue sen circular e non teñen respostas, continúan a enviar queixas e a denunciar a situación e os nacionalistas volven a dar a calada por resposta”.

Barcia subliñou que “son moi rápidos para que os veciños e veciñas paguen os impostos, pero non para cumprir coas súas obrigas, co que deixan a moitos veciños do rural sen os servicios básicos”.

“Dende o Partido Popular de Santiago – dixo- seguimos apoiando e escoitando á veciñanza e agardamos que o BNG lles dea unha solución e que se poña a traballar, porque o que están a facer é vergonzoso, pero os que sufren son os veciños”.