O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, pediulle hoxe, en rolda de prensa, ao BNG que “recapacite e que deixe a un lado o conformismo do modelo de cátering centralizado que propoñen e que aposte por unha transformación que beneficie, de verdade, ás familias compostelás, cunha rede de cociñas propias nos colexios”.

“Desde o Partido Popular, -subliñou- ofrecemos o noso apoio, colaboración, lealdade e responsabilidade co fin de desenvolver esta transformación, porque sabemos que Compostela pode e debe liderar con servizos públicos exemplares”.

Remarcou que “os nacionalistas enganaron ás familias, xa que, durante anos, prometeron e proclamaron a necesidade dunha rede de cociñas propias, facéndoo, incluso, a súa bandeira mentres estaban na oposición e repetírono na campaña electoral, agora que gobernan, renuncian a todo iso e propoñen manter un modelo continuista, baseado nunha cociña central”, que perpetúa o sistema de cátering actual. Non hai transformación, non hai ambición, só un conformismo inadmisible para unha cidade como Santiago”.

Así, Rubio insistiu que que “é posible crear unha rede de cociñas nos centros escolares de Compostela” e manifestou o seu compromiso de que cando o Partido Popular goberne esta cidade, “será posible facer esta rede de cociñas”.

O popular indicou que “Santiago non pode conformarse con manter o mínimo, debe liderar, buscar unha proposta ambiciosa que converta os comedores escolares nun exemplo de calidade, proximidade e innovación, algo que é posible cunha transformación real do modelo actual”.

Rubio lembrou que “o BNG reclamou, durante anos, cambios profundos e prometeu melloras neste servizo, pero agora renuncia a calquera ambición e propoñen manter un sistema no que os menús se preparan lonxe dos colexios, que chegará requentado lonxe dunha alimentación saudable e sostible”.

Durante a súa intervención, subliñou que “nós levamos tempo defendendo a creación dunha rede de cociñas propias nos centros escolares, un modelo onde os menús se preparen nos centros escolares pouco antes de ser servidos”.

Ademais, remarcou o popular, “esta proposta debe integrarse nun proxecto pedagóxico claro, que ensine ás crianzas a importancia dunha alimentación saudable, do consumo responsable e do apoio aos produtores locais”.

Borja Rubio insistiu en que “non podemos permitirnos seguir instalados na mediocridade, as nenas e nenos de Santiago merecen comedores que sexan espazos educativos, que fomenten a saúde e a sustentabilidade”.