O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, levará ao Pleno municipal, como tema principal, o problema de alumeado que está a sufrir a cidade.

Verea salientou que “estamos buscando respostas, as mesmas que se están a facer todos os veciños, sexan do rural, do Ensanche, do Casco Histórico ou dos barrios; respostas a unha pregunta clara: que está pasando coa iluminación da cidade?”

O popular subliñou que a alianza tripartita (PSOE-BNG-CA) contratou por 40 millóns  mellorar toda a iluminación da cidade, “pero as queixas non deixan de incrementar”, e preguntouse “como é posible que existindo un novo contrato por 40 millóns a iluminación sexa cada vez peor? Vostedes saen á rúa? De verdade non ven o problema? A que se están a dedicar eses 40 millóns?”. “O que está claro é que a mellorar a iluminación non”, denunciou.

O tamén deputado autonómico insistiu en que “aínda tendo en conta a necesidade de aforro enerxético, Compostela non pode ser máis escura e máis insegura que antes, por iso esiximos unha revisión total da substitución das luminarias que supoña unha solución ás demandas dos cidadáns”.

Verea calificou ademais de ridículas as declaraciós do BNG nas que falaban de exceso de luz na cidade e botaban a culpa aos escaparates dos comercios, “este tipo de afirmacións confirma que viven completamente fóra da realidade, resulta inexplicable que hoxe en día poidan aludir ao exceso de luz en calquera punto de Santiago”.

Así, continuou, “o problema de alumeado público en Santiago é hoxe un dos principais problemas da cidade e nós o que atopamos en moitos puntos da cidade é a veciños que agradecen aos comerciantes por ter os escaparates acendidos porque iso permite ter a rúa iluminada. Todo o contrario do que está dicindo o BNG”. Neste senso subliñou que “que sexan os propios comerciantes os que alumeen as rúas evidencia a total falla de xestión, ineficacia e inoperancia deste goberno”.