A concelleira do Partido Popular de Santiago, María Baleato afeoulle ao BNG que “intente confundir á veciñanza compostelá na xestión das VUTS, posto que o que demandan non é, xuridicamente viable, non se pode realizar unha baixa en bloque do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) de Galicia de centos de vivendas de uso turístico”.
“É necesario -dixo- garantir a seguridade xurídica dos afectados e precísase dun pronunciamento expreso xustificando a causa legal na que se ampara ou na existencia dun pronunciamento xurisdicional que afecte a cada vivenda de xeito individualizado”.
Baleato insistiu en que “non pode atenderse a unha petición xenérica de baixa de vivendas de uso turístico, porque sería contrario á normativa e xeraría indefensión no administrado” e, ademais, remarcou que “a normativa prevé un procedemento legal para as baixas, recollido no artigo 44 do Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, no que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico”.
A concelleira popular explicou que “legalmente non é viable a acumulación de expedientes, toda vez, que non hai identidade substancial nin íntima conexión entre estes, nin tampouco están identificados individualizadamente e só comparten o fin perseguido polos nacionalistas, que é o de dalos de baixa no REAT”.
Baleato insistiu en que a “Xunta de Galicia xa ten eliminado do rexistro autonómico a máis de 50 pisos, pero está claro que non o poden facer en bloque, “polo que os nacionalistas deben facer os seus deberes, mirando un por un cada expediente”. Neste senso instou a BNG-CA a que se poñan a traballar e deixen de botar balóns fóra, “xa está ben de buscar a confrontación con outras administracións para agochar a súa incapacidade á hora de xestionar a nosa cidade”
“O certo -continuou- é que no mes de decembro, o Goberno galego xa lle requeriu ao BNG que remitan os expedientes de maneira individualizada, pero a realidade, unha vez máis, que é non fan caso e demostran a súa nulidade como xestores”.
Para Baleato, a Xunta “si coopera co concello, pero no máis escrupuloso respecto aos dereitos dos veciños e con sometemento pleno á lei e ao dereito, polo que os nacionalistas o que deben facer é identificar as vivendas, tramitar os expedientes, motivalos e remitilos a Turismo de Galicia e non estar responsabilizando a outras administracións dos seus incumprimentos e carencias”.