“Un partido político ten que ser un laboratorio de ideas, debe estar atento ao que está pasando na sociedade”, con estas palabras daba comezo o líder popular, Borja Verea, esta semana, ao Espazo Cultural CompArte, que abriu por primeira vez o PP local, na sede de Compostela, o pasado mes de outubro.

Borja Verea nun momento do acto

Nesta ocasión, baixo o título: “Implicacións da política de Trump para Europa e España”, este foro centrouse na recente chegada do mandatario americano á presidencia dos Estados Unidos, por segunda vez, un coloquio-mesa redonda, que reuniu a máis de cen composteláns nas instalacións populares.

Como describiu o líder popular, “estamos ante un fito histórico que plantexa retos, oportunidades ou ameazas, en todo caso, -dixo- creo que se abre unha etapa difícil como todo reto e onde haberá que tomar decisións e onde, nesta segunda etapa de Trump, o posicionamento está claro: proteccionismo, ultranacionalismo e, ao mesmo tempo, unha importante intervención internacional”.

“Xa vemos o que está pasando en Gaza, ou en Ucraína, o que quere facer con Groenlandia, que tampouco é un tema actual; xa EE.UU a quixo, hai 150 anos cando comprou Alaska. Trátase dunha demanda histórica que nos afecta -subliñou-, posto que, aínda que Groenlandia non pertence á Unión Europea, si é un estado asociado de Dinamarca, polo tanto entra tamén Europa, polo que veremos que vai a facer o vello continente. Pode decidir reforzarse, que sexa a última oportunidade de manterse na historia occidental ou pasar, xa definitivamente, a ser un actor secundario”.

Verea destacou que agora, “ábrese unha etapa difícil, pero apaixonante e creo que estes debates son importantes para a cidade e para converter ao partido no que ten que ser, un laboratorio de ideas e ter, así, as antenas moi postas en todo o que está pasando na sociedade”.

Verea destacou o bo acollemento que está a recibir este Espazo Cultural, xa que cada vez son máis as veciñas e veciños interesados, que se achegan ata a sede local do Partido Popular de Santiago para desfrutar dos distintos debates que se celebran.

Neste coloquio participaron: Santiago Avánzana González-Llanos, coronel de intendencia da Armada; Miguel Anxo Bastos, profesor titular do departamento de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Santiago; e o xornalista e exdirector da edición española do The Whashington Post e corresponsal na Casa Blanca, Alberto Avendaño, nunha xornada moderada por María Méndez, presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG).

Santiago Avanzini atendeu ás preguntas dos asistentes, centradas, sobre todo, no protagonismo das tropas americanas nos distintos conflitos mundiais e a súa presencia en España, que ao seu xuízo, non é tan destacada como cremos. Así mesmo, indicou que ve difícil que Europa e España podan atender os requirimentos económicos do novo presidente norteamericano e subliñou que España aporta á OTAN máis forzas do que di Trump, o que indica o descoñecemento que ten o líder americano do que é este organismo.

Así mesmo, Avendaño centrou a súa intervención en narrar a súa experiencia como xornalista no país americano e destacou a cara moi pouco amable do americano, ao que tachou de pouco intelixente e falto de empatía, do que tamén dixo que non se fiaba “nin do personaxe, nin dos que o acompañan”.

Pola súa banda, Miguel Anxo Bastos remarcou que Donald Trump ten facilidade para escoller os puntos débiles dos que considera como inimigos e agora decidiu empregar os temas dos aranceles como método de presión, máis que como medida recadatoria; pero tamén coñece que esa medida será negativa para o seu propio país.