O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, esixiulle hoxe ao BNG unha intervención inmediata na rúa Ramón Baltar, que conecta a cidade co Hospital de Conxo, xa que, neste momento, non é posible transitar por ela con garantías.

“Non se trata de que non sexa doado ir por ela para acceder ao centro sanitario, senón que resulta imposible facelo en cadeira de rodas, con carriños ou para persoas con problemas de mobilidade, circunstancia que non resulta tolerable”, insistiu o concelleiro popular.

De la Fuente destacou que “entre os obstáculos que existen pola rúa destaca a situación das luminarias, no medio e medio de beirarrúas de pouco máis dun metro de ancho; e a diferente planimetría nos pasos de peóns e na entrada á ponte do río Sar”.

A rúa Ramón Baltar é o único acceso de entrada e saída ao Hospital de Conxo e a diversos servizos sanitarios, entre eles o 061; e, tamén, é o principal acceso ao Banquete de Conxo e ao seu carballo centenario; ao río Sar ao seu paso por Conxo; e ás rúas Bermejo, Ponte Pereda ou Suarribas.

“Trátase -dixo- dunha rúa pola que pasan, tanto de modo peonil como en automóbil, os residentes da contorna, os usuarios, doentes e traballadores do Hospital e, en xeral a veciñanza que quere acceder ao bosque do Banquete de Conxo e á ribeira do Sar, motivo polo que ten cada vez máis uso e afluencia de xente”.

Sinalar que, por ela, “transitan tamén as liñas de autobús 5, 12, C2 e C4, a pesar do que nin están sinalizadas, nin dotadas as paradas, é dicir, non hai sinais, nin marquesiña que permita supoñer que existen paradas de autobús na rúa”.

De la Fuente remarcou que “o trazado da vía, a configuración e plataforma de beirarrúa e, sobre todo, a falta dun mantemento e limpeza periódica, ten convertido ese vial de acceso ao centro sanitario nunha auténtica aventura, que non garante, actualmente, un tránsito doado, nin tranquilo de persoas, e é un perigo evidente, resultando case imposible para persoas con mobilidade reducida”.
Así, o Partido Popular de Santiago esíxelle ao BNG que xestione, de xeito inmediato coa Deputación, unha intervención que palíe estas graves deficiencias, que debe incluír a renovación do firme, revisión e substitución, no seu caso, de servizos, delimitación, sinalización, dotación e preparación de paradas de autobús e o deseño e ampliación de beirarrúas, de modo que garantan o tránsito peonil e a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.