A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, vén de denunciar hoxe, en rolda de prensa, a falta de atención no Punto de Atención de Servicios Sociais (PASS) de Fontiñas, tal como están a evidenciar as súas usuarias e usuarios. A popular explicou que “as memorias anuais de Servizos Sociais do Concello remarcan que estes servizos son imprescindibles para bo desenvolvemento da vida diaria das persoas co fin de detectar, coñecer, analizar e intervir as súas necesidades sociais”.

Tal como destacou a edil popular, “isto non é o que está a facer o BNG, xa que, concretamente, nun ámbito onde viven máis de 19.400 persoas, só hai unha traballadora social dous días á semana e, a maiores, o pasado ano estivo meses sen atención, a pesar de ser o terceiro dispositivo de atención social con maior presión demográfica”.

“O estado deficitario do dispositivo de Fontiñas -dixo- está a causar importantes prexuízos á veciñanza, pois a atención demórase no tempo, tendo en conta que en ocasións trátase de situacións de emerxencia ou urxencia social que non poden agardar meses e meses para que lles dean cita”.

Otero remarcou que non é entendible que os nacionalistas non procederan a dar a cobertura das dúas prazas nas mesmas condicións que existían ata marzo de 2024, é dicir, dúas traballadoras de luns a venres”

A popular explicou que “este caso é un claro exemplo de incumprimento dunha promesa electoral do BNG, que nas eleccións do 2023, que nun dos seus puntos referidos aos servizos socias dicía, expresamente, que ían a incrementar os cadros de persoal, algo que, evidentemente, non está a ocorrer”.

Reiteramos que este PASS, é o terceiro dispositivo de atención social con maior presión demográfica (tras o PASS de Galeras e Conxo), posto que atende as UTS Fontiñas, San Lázaro e Sar.

Para a popular, estamos ante unha “situación inconcibible e incomprensible por parte dos usuarios que ven, claramente, mermados os seus dereitos, coa repercusión que lles supón, xa que, lembramos, unha soa persoa ten que atender unha zona que conta con máis de 600 vivendas de promoción pública no seu ámbito territorial”.

Así, “hoxe esiximos -remarcou- que se adopten as medidas necesarias para reverter a situación actual do PASS Fontiñas e que este recurso municipal recobre o seu funcionamento normal, e dicir, o anterior a marzo de 2024”.

Na súa intervención, Otero subliñou que, ”desde o Partido Popular seguiremos traballando por un Santiago amable coa veciñanza, polo benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas de Santiago, polo que nos facemos o eco das súas queixas e demandas”.