O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, urxe que se desmantele o maior centro comercial de drogas de Santiago, que se atopa no barrio de Santa Marta. Verea, que mantivo unha reunión coa veciñanza desta zona da capital de Galicia, subliñou que estamos ante un tema político, non só policial, como pretenden facer ver os nacionalistas. Neste senso, lamentou que a alianza tripartita de CA, BNG e PSOE non recoñeza o problema que temos antes nós, porque iso implica que nin estaba nin está entre as súas prioridades arranxalo.
“No ano 2004, -remarcou- había en Santiago 175 policías locais, no 2024, hai 121, evidentemente, estamos ante o mellor retrato da ineficacia baixo a que vive este goberno de tres, e as consecuencias estámolas lamentando hoxe en día”. Así indicou que se tivera sido alcalde ao longo destes 10 anos, por suposto que estaría moito máis reforzada a Policía Local, porque sería unha das súas prioridades e, cando un ten unha prioridade política, supón máis recursos, máis medios, e tamén, máis presencia na axenda pública”.
Verea lamentou ademais que este goberno de BNG e CA non respalde á policía cando esta o precisa, “lembro que, cando se asaltou un negocio de hostalaría en Santiago, non se apoiou a intervención das forzas de seguridade, senón que se atacou á Comisaría da Policía Nacional; e agora, estamos, cada mes, falando de Galeras, da Almáciga, Espírito Santo, Quiroga Palacios, é dicir, un incremento da sensación de inseguridade que é unha realidade na cidade”.
O tamén deputado autonómico subliñou que os nacionalistas “apostan por seguir pechando os ollos e nós dicimos que non poden seguir así ante este incremento de inseguridade. Que está pasando en toda Europa?, si; que está pasando en toda España? Si; que está pasando en toda Galicia? Si; que está pasando en Santiago? Si, pero haberá que tomar medidas e non estar dicindo que non hai un problema na nosa cidade”, incidiu.
Na súa conversa cos veciños, o popular salientou un dato importante que os cidadáns de Santiago deben coñecer: “entre 2019 e 2023 -dixo- incrementáronse, nun 500%, os delitos vinculados ao tráfico de drogas en Santiago, creo que é un dato para, como mínimo, preocuparnos e tomar medidas”.
Para o popular, concretamente, en Santa Marta, está clara a solución, “e fai falla vontade política, algo do que está claro carece este goberno”, sinalou, “reforzar a presencia policial, a limpeza e a hixiene, pensando, sobre todo, nos nenos que ven cada día xeringuillas tiradas nos parques onde van xogar; e despois tampouco enganar á xente, o problema non se vai solucionar se non se desmantela o centro comercial de droga que existe alí en Santa Marta, no Banco do Pobre”.
Destacou que tampouco podemos obviar o que sofren os usuarios do Clínico, cos consumidores, que dormen no aparcamento e se pinchan na contorna, increpando aos doentes e usuarios que chegan, cando non lles dan diñeiro.
Para Verea, “que un responsable público en Santiago, en 2025, non recoñeza que hai un incremento da sensación de inseguridade significa, ou que vive completamente na irrealidade, ou encerrado nas moquetas de Raxoi, porque só hai que saír á rúa e falar coa xente, ademais hai un acompañamento dos datos obxectivos, existe ese incremento ao longo dos anos”.