O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, vén de propoñer a creación dun programa municipal de voluntariado interxeracional, un proxecto pioneiro en Santiago de Compostela, que “busca -dixo- conectar á mocidade coa experiencia das persoas maiores, favorecendo, así, a aprendizaxe mutua e fortalecendo a cohesión social”.
Esta proposta converte ao PP compostelán no principal defensor da promoción do voluntariado en Santiago, logrando a posta en marcha do primeiro programa deste tipo no últimos dez anos. A iniciativa responde á necesidade de crear espazos de encontro entre xeracións, fomentando valores como a solidariedade, o respecto e a cooperación.
“Este programa municipal busca ofrecer á mocidade compostelá unha nova vía de participación social, a través do contacto directo coas persoas maiores, con actividades de intercambio de coñecementos, acompañamento e colaboración”, aclarou.
Trátase de que ambos os colectivos se enriquezan: os mozos aprenderán da experiencia de quen contribuíu á sociedade durante décadas, mentres que os maiores terán a oportunidade de manterse activos e sentirse valorados.
Borja Rubio destacou a importancia desta iniciativa, afirmando que “a visibilización e potenciación do voluntariado é unha das nosas prioridades no Partido Popular, así, con este programa queremos recoñecer o papel fundamental das persoas maiores e ofrecer á mocidade novas oportunidades de participación, supón unha aposta real por unha sociedade máis cohesionada, inclusiva e solidaria”.
Ademais, esta proposta enmárcase dentro dunha estratexia máis ampla do Partido Popular para revitalizar o tecido social compostelán, promovendo accións que fomenten a implicación cidadá e o apoio mutuo.
Agora que a proposta popular foi aprobada por unanimidade no pasado Pleno, corresponde ao BNG levar a cabo a súa implantación, dotándoa dos recursos necesarios para garantir o seu éxito e sustentabilidade, mentres que “nós nos comprometemos a levar a cabo un seguimento activo da súa execución, asegurándose de que esta iniciativa se desenvolva de maneira efectiva e cumpra cos obxectivos para os que foi deseñado”.