O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, vén propoñer unha intervención inmediata na parcela anexa á Igrexa de Santa Marta e ao Colexio Divino Maestro, que se atopa, habitualmente, invadida por maleza como consecuencia de non levar a cabo as tarefas de limpeza, nin o mantemento necesario.
“O abandono ao que se somete e se mantén este espazo -destacou- converteuno nun aparcamento non regrado e non organizado, que ninguén fai nada para ordenalo, cuxa cercanía á igrexa e ao centro escolar provoca situacións de inseguridade para as persoas e, de forma significativa, para os nenos que acoden ao colexio”.
Hai que sinalar que a entrada e saída á parcela só se pode facer por un único acceso que non permite dobre sentido de circulación, que pasa, ademais, por diante da entrada á igrexa, polo que o tránsito de automóbiles provoca en moitas ocasións situacións de auténtico perigo.
De la Fuente destaca que “as pequenas escaleiras que comunican dito espazo coa rúa Emilia Pardo Bazán teñen un deseño, configuración e estado que non permiten unha mínima accesibilidade”.
“A pesar do tránsito habitual de rapazada e familias, a configuración da parcela, o estado do firme e das escaleiras, ademais do uso que, actualmente, se tolera nela, non permiten cumprir agora mesmo con ningún tipo de norma de accesibilidade, nin de seguridade vial para a veciñanza e escolares”, remarcou.
O Partido Popular de Santiago reclámalle ao BNG que execute, o antes posible, as obras que permitan integrar esa parcela coa contorna, que a urbanicen e que garantan o tránsito e acceso peonil á zona con seguridade para viandantes e escolares que acceden o colexio.