O concelleiro, José Ramón de la Fuente, denunciou que o campo de fútbol “Suso Conde” de Villestro conta con distintas carencias urxentes, como a substitución do céspede artificial, que “se atopa en moi mal estado, sobre todo, nalgunhas zonas, o que fai necesaria e inaprazable unha intervención inmediata, co fin de evitar lesións aos deportistas que empregan esta instalación”.

“Os clubs xa denunciaron en varias ocasións as carencias deste campo -insistiu o popular-, cuxo estado do céspede motivou unha intervención, que se traduciu nun mero un parche, que, por suposto, non solucionou as deficiencias que, a día de hoxe, seguen sen ser atendidas, polo que cada día se agravan”.

Tal como denuncia De la Fuente “o céspede atópase en tan mal estado que se prohibiu o seu uso para o Fútbol-8, polo que os clubs tiveron que trasladar estas categorías carta outras instalacións”.

Ademais da substitución do céspede, o edil popular explicou que “son necesarias actuacións de ampliación e construción de novas zonas de adestramento e dun campo anexo de Fútbol-8, que melloren esa instalación deportiva, tal como foi comprometido cos clubs que a usan”.

Por outra banda, José Ramón de la Fuente remarcou que “a recente instalación de novas luminarias na contorna do campo poñen de manifesto a urxente necesidade do soterramento das liñas de alta tensión que rodean o campo e que están situadas a pouca distancia da instalación”.

O edil popular reclámalle ao BNG que se tome en serio os problemas desta instalación deportiva, que leva anos agardando por unha intervención que non da chegado, “o PSOE e BNG anunciaron, no ano 2024, con todo boato a inclusión das partidas necesarias no orzamento do 2024, pero os nacionalistas non foron quen a día de hoxe, entrado xa 2025, de publicar a licitación do proxecto de execución e das obras”.

“Cos tempos que se toma esta xunta de goberno do BNG en sacar adiante os proxectos, desde logo esta tempada non vai a ser a que vexa iniciadas as obras”, remarcou.