O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, logo dunha visita á rúa Agra de Arriba, en Meixonfrío, vén de denunciar o abandono que están a sufrir unha vintena de vivendas pola “deixadez, falta de mantemento e servizos” por parte do goberno nacionalista.

O edil popular comprobou, de primeira man, as solicitudes que veciñas e veciños levan facendo desde hai anos, como: a carencia de gabias para canalizar a auga, polo que esta se estanca en fincas e vivendas, provocando asolagamentos de xeito habitual; así como o mantemento do asfaltado da rúa, que conta con numerosos buracos, o que supón un grave risco para vehículos e peóns.

Así mesmo, tamén é evidente a falta de limpeza en distintas fincas polo que, durante a primavera, as malas herbas e xestas invaden a rúa Agra de Arriba, o que fai que non se poda transitar con normalidade e imposibilita o paso de vehículos e peóns ao mesmo tempo e, de facelo, corren un grave risco pola falta de visibilidade.

“Como é habitual en moitos sitios da cidade, -explicou Adrián Villa- esta zona carece de rede de saneamento, mentres os seus habitantes poden ver que noutras vivendas, situadas a escasos metros, contan con este servizo básico e esencial, sobre todo, tendo en conta que estamos na capital de Galicia, a escasos metros da Catedral”.

Así, o concelleiro popular reclámalle tamén ao BNG a colocación de colectores de lixo, xa que, coa entrada en vigor do novo contrato, perdéronse os que tiñan a disposición no cruce coa rúa do Tambre e, actualmente, teñen que levalo nos seus vehículos particulares.

Por todo isto, Villa insiste en solicitarlle aos nacionalistas que, “nesa longa lista de tarefas pendentes do BNG, dediquen uns minutos en priorizar, xa que hai cuestións urxentes que non deben esperar, sobre todo, nunha cidade como Santiago en pleno século XXI”.