O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, puxo hoxe en valor a unidade do seu partido durante a II Romería Popular organizada no barrio do Castiñeiriño baixo o lema “Unidos por Santiago”, onde se congregaron 200 amigos e colaboradores do PP Compostelán e se homenaxeou ao histórico direxente local David Pillado.
“A unidade é esa gran arma secreta do Partido Popular, pero a unidade non é un don innato, a unidade non é sinxela, a unidade hai que coidala, a unidade hai que traballala día a día. E sabémolo porque temos esa experiencia de que desde a unidade somos invencibles. Esta comida é o mellor exemplo de unidade”, sinalou.
Pola contra, engadiu, “o maior inimigo da política é o orgullo e a arrogancia. A soberbia en política é letal. Por qué? Porque cando as cousas van ben podes pensar que eres invencible, e aí xa empezas a perder. Por iso a mellor medicina é o respecto, a humildade e a unidade”.
Hoxe, continuou, “é día de celebrar e sobre todo de agradecer, e agradecer é o maior acto de humildade, por qué? Porque é recoñecer que un só non chega a ningún sitio, e iso é o que celebramos hoxe”.
O líder popular quixo lembrar tamén que, nos próximos dous anos, “temos por diante un reto fantástico”. O Partido Popular sempre necesita maioría absoluta, pero “é a primeira vez que nos enfrontamos a 3 adversarios á vez, que teñen un pacto, unha alianza , que vai camiño de 12 anos. Un pacto contra nós, pero que hoxe está á vista de toda a cidade que é un pacto contra Santiago”. Neste senso lembrou que “gañamos por goleada ao BNG, gañamos por goleada ao PSOE e gañamos por goleada a CA”; pero deixou claro que o seu obxectivo é gobernar, “eu quero ser alcalde de Santiago, e para iso non nos serve só con gañarlles por goleada a cada un deles, a meta é gañarlles por goleada aos 3 xuntos, nunha vitoria que ten que ser histórica e incontestable”.
Verea amosou a súa preocupación polo momento crítico no que está sumido Santiago, porque “están poñendo en dúbida a nosa propia esencia”, en relación aos datos publicados estes días que dicían só un 5% dos santiagueses apreciaba e quería a Catedral e que a Catedral era cada vez menos querida. Así, pediu “que se acabe xa con eses relatos autodestrutivos”, “nós dicimos si á maioría de composteláns que están orgullosos da Praza do Obradoiro e da nosa Catedral. Que a queren, que a sinten, que saben que forma parte de nós. Nós dicimos si á maioría de composteláns que soñan cun Santiago universal, aberto e moderno”,
Ademais recoñeceu que están ante un reto maiúsculo e “a nosa forza é a unidade”; e fixo fincapé en que hai que abrirlle as portas aos que cren no futuro imparable desta cidade; abrirlle as portas aos que queren remar, cóbado con cóbado, “porque a viaxe vai ser dura, pero imos gañar, imos vencer e por fin, imos a poñer a Santiago en marcha. Xuntos levaremos a Compostela a onde se merece”, concluíu.
Homenaxe a David Pillado
Durante a súa intervención quixo agradecer tamén o seu labor “a todos os que nos precederon e construíron o que somos hoxe; recoñecer que somos a suma de todos, pero sobre todo a suma dos que nos precederon: dos que traballaron antes, dos que soñaron antes, dos que se esforzaron antes, dos que perderon e dos que gañaron antes; e a familia do Partido Popular de Santiago quere hoxe personalízalo na persoa de David Pillado”.
Verea só tivo palabras de agracedemento e agarimo para o que foi secretario xeral do PP compostelán desde 1986 ata 2006, sendo presidenta María Jesús Sainz. “David, este é a homenaxe que mereces, e aquí hai 200 persoas que viñeron a demostrarche o seu cariño, todas están aquí por ti, polo moito que axudaches a tanta xente, polo que significas para tanta xente. Hoxe tes o recoñecemento da túa familia do Partido Popular e da mellor maneira posible: coa túa xente e amigos, coa túa familia, e das mans do presidente Alfonso Rueda”.
Destacou ademais a súa traxectoria política, sendo o fundador de Alianza Popular en Barakaldo nuns anos moi complicados polo terrorismo, cuxas ameazas o fixeron volver da man de Manuel Fraga e asentarse en Santiago. Dos seus 20 anos como secretario xeral, “son infinitas as anécdotas, disputas, alegrías e enfados. Eu creo que tiven sorte e David xa me vía máis coma un neto que coma un fillo, e xa sabedes que aos fillos rífaselles máis que aos netos”.
O presidente e a secretaria xeral do PPdeG, Alfonso Rueda e Paula Prado, e o presidente de honra do PPdeG, José Manuel Romay Becaría, participaron na homenaxe a Pillado, facéndolle entrega xunto ao presidente do PP de Santiago, Borja Verea, dunha placa na que se recoñece o seu labor durante todos estes anos.
Pola súa parte, o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, quixo agradecer a Pillado todo o que el representa, “ter estado en política absolutamente a cambio de nada; dixo un día que lle faltaba levar a cama á sede, porque el estaba ás duras e ás maduras, cando era de heroes dar a cara polo PP”. “Lémbroo discutindo, porque eu discutía con el, e como o coñecín mantendo as súas posicións, esa é a razón principal pola que hoxe quería estar aquí recoñecendo o seu labor”.
Rueda fixo referencia á situación política que se está a vivir en Santiago, onde o PP de Borja Verea gañou as eleccións, e non poden gobernar porque “todos os que están agora pelexando fixeron o posible, algúns dando o espectáculo e outros pelexando internamente”. “Iso non impediu que Borja e o seu equipo de concelleiros e todo o partido estea ás duras e ás maduras -continuou- e polo tanto eu o que pido e que sigan así, dando exemplo de estabilidade, de sentidiño, de firmeza, e dando exemplo de que falta cada vez menos tempo para que haxa un alcalde como Dios manda en Santiago de Compostela”, sinalou.
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lembrou o esforzo e traballo de David Pillado, que lle quitou horas á súa familia para dedicarllas ao partido e agradeceu tamén a Borja Verea o seu labor. Prado pediu a toda a familia popular de Santiago todo o traballo necesario para “conseguir facelo alcalde nas vindeiras eleccións municipais”.
Así mesmo, a secretaria xeral destacou “a importancia de que Verea estea tamén a incorporar a xente nova da sociedade civil, porque -engadiu- creo que esa é a fórmula para gañar as eleccións”.