O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, vén de manter unha reunión coa veciñanza de Casas Novas, que denuncian o evidente abandono do seu barrio, polo que se fai necesario levar a cabo melloras en distintas áreas, como: beirarrúas, iluminación, firmes e limpeza de vexetación, entre outras.
Villa remarcou que, tras falar cos propietarios de dez vivendas da rúa das Casas Novas, concretamente, os que viven entre os números 62 e 66, nunha praza adxacente ás mesmas, puido comprobar “in situ” como dúas rúas quedaron “no completo esquecemento e nunha situación vergonzosa por parte do BNG”.
“É unha zona que está sen asfaltar -remarcou- e, por tanto, éntralle auga nas vivendas e, ademais, o firme é practicamente intransitable, con distintos niveis, o que supón un perigo para a veciñanza ou para calquera que pase pola zona, sobre todo, para persoa de idade avanzada o con mobilidade reducida”.
Así mesmo, o popular denunciou que “unha parte destas vías quedaron sen reemprazar as luminarias e teñen que acceder coas lanternas dos teléfonos pola noite, co que os veciños viven cunha sensación de inseguridade que non existiría se os nacionalistas tiveran feito este cambio coa debida dilixencia”.
“A maiores destes problemas, que evidentemente hai que arranxalos de forma urxente co fin de evitar males maiores -agregou o edil popular-, tamén nos atopamos con serias deficiencias na rede de abastecemento e saneamento, ademais de con zonas na que a vexetación resta visibilidade e dificulta o tránsito, ademais supón un perigo no caso de que calquera persoa resbale coas herbas e musgo que alí se concentra”.
Adrián Villa insistiu en que, “dende o Partido Popular de Santiago solicitamos que o BNG actúe, canto antes, para que estes veciños e veciñas conten cos mesmos servizos que o resto da veciñanza, xa que tamén pagan os seus impostos municipais”.