O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, propuxo hoxe, en rolda de prensa, que “se poñan en marcha bonificacións no aparcamento da Choupana para os residentes en Compostela, posto que, a pasada semana, aprobouse a suba do IPC deste parking nun 2,8%, sen que o goberno local buscase solucións para paliar os novos e esaxerados prezos”. O edil popular lembrou que “este aparcamento non só é o máis caro de Santiago, senón que tamén é o máis caro de todos os situados nos hospitais de Galicia”.
Villa remarcou que “a solución a debe buscar o goberno, para iso elixiron gobernar; pero hai medidas que se poden poñer en marcha como sería unha bonificación nesas tarifas, é dicir, trataríase dunha axuda que permita reducir, de forma considerable, os elevados prezos que composteláns teñen que abonar cada vez que acoden a este hospital”, remarcou.
O popular lembrou que “foi o Partido Popular o que, no ano 2020, colocou sobre a mesa a municipalización dos aparcamentos da praza de Galicia e praza de Vigo ante a finalización da súa concesión neste 2025; e quen, na campaña electoral de 2023, puxo o foco na municipalización destes aparcamentos”.
“Hoxe -preguntouse o edil popular- que se fixo nos 2 últimos anos, a resposta é sinxela: nada, polo que parece que a incompetencia deste goberno protagoniza tamén este asunto e tanto é así que o propio BNG xa avisa de que no mes de xullo, cando remata a concesión, non vai a estar todo listo para que pasen a ser de titularidade municipal, o que supón unha tomadura de pelo a toda a veciñanza”
Para o edil popular, resulta evidente que os nacionalista queren agochar o tarifazo do aparcamento da Choupana co anuncio dunha municipalización no Ensanche, pero “dende o Partido Popular denunciamos que a consecuencia de que os aparcamentos de praza de Galicia e praza de Vigo non estea cerada para o mes de xullo será que a estadía de 3 horas continuará custando 4,95€ contra os 3,94€ do aparcamento municipal de Xoán XXIII”.
“Dende a pasada semana -explicou Adrián Villa- unha hora de estancia nesta instalación custa 2,55 euros e, no caso de chegar a 3, algo normal, xa que falamos de persoas que acoden a realizarse probas hospitalarias, estariamos falando de 8€, o que supón un sabrazo indecente”.
Na súa intervención, Villa subliñou que “o aparcamento da Choupana conta cunha concesión municipal ata o ano 2060, que outorgou o goberno do PSOE e, no momento que comezou a ser un problema aparcar no CHUS, os gobernos de Compostela Aberta, PSOE e agora BNG miraron cara outro lado e botáronlle a culpa á Xunta de Galicia”.
O edil popular destacou que “nós cumprimos coa nosa parte, fixemos máis desde a oposición que o propio goberno e agora se está a construír un aparcamento en altura de 1.200 prazas, unha proposta que presentou Borja Verea”.
“Agora, a quen lle toca cumprir é ao goberno nacionalista -dixo-, xa que as competencias respecto ao aparcadoiro da Choupana son exclusivamente do Concello, así que é o BNG quen pode decidir se mantén o sabrazo nesta instalación ou aplica unhas tarifas coherentes e en consonancia cos demais hospitais de Galicia, como lle propoñemos nós”.