Os concelleiros do Partido Popular, José Ramón de la Fuente e Nerea Barcia, pediron que se leven a cabo melloras para evitar inundacións na cidade cada vez que chove cun pouco de intensidade. “Dende hai tempo -dixeron-, levamos solicitando a elaboración dun plan de revisión periódica do estado das árbores e arbustos, ademais do mantemento preventivo dos leitos dos ríos, pero os nacionalistas, ou non saben, ou non quere, xestionar Compostela”.

“É evidente -explicou José Ramón de la Fuente- para a veciñanza e para calquera cun mínimo de sentido común que a enorme cantidade de maleza, arbustos e árbores caídas, moitos enfermos ou mortos, que abundan polo río, acabarían actuando de tapón ao chegar as chuvias de inverno e provocarían asolagamentos en fincas e vivendas”.

O popular subliñou que “xa o pasado ano advertimos desta circunstancia, pero, unha vez máis, a indolencia do BNG e a súa falta de previsión, provocou que en varios puntos de Santiago houbera inundacións, que ben se poderían ter evitado, se se tivera feito una adecuada limpeza”.

Moitos dos lugares onde, se levan producindo asolagamentos están preto de pontes nas que son, claramente, visibles infinidade de troncos e ramallada, que tupen o normal tránsito da auga; exemplos evidentes son: Suarribas, Brañas de Sar, Laraño, Carme de Abaixo, Ponte Vella de Vidán.

Concretamente, como explicou a concelleira popular, Nerea Barcia, hai zonas da cidade, como é o caso da parroquia de Laraño, que se ven especialmente afectadas polas choivas que se están a producir durante o inverno.

Así, nunha visita levada a cabo polos populares puideron comprobar como a auga chegou ata as casas dos veciños, polo que tiveron que pedir axuda ao Concello sen que os nacionalistas fixeran nada.

“Todos somos conscientes -dixo a edil do Partido Popular- de que nalgunhas xornadas rexistráronse chuvascos importantes, pero a situación agrávase pola mala xestión e falta de mantemento”.

Para De la Fuente, “o que é incomprensible é que se poidan ver troncos cortados de árbores e xestas procedentes das rozas dos servizos municipais, que non foron retiradas das beiras do río, é dicir, xa non é que non limpan o río, é que permitiron que se acumularan na súa beira restos de podas, que acaban arrastradas pola forza da auga, multiplicado o seu efecto”.

Árbore caída
Árbore caída

José Ramón de la Fuente remarcou que “non hai previsión e estas son situacións recorrentes e sabemos que van a volver a acontecer, polo que non se entende moi ben esa indolencia, que só podemos atribuír á preguiza dun goberno nacionalista desbordado, que non é quen de atender, nin as necesidades básicas de mantemento da cidade”.

“Santiago -concretou- precisa dun equipo que xestione, sen embargo o que temos está é un grupo de xente preocupado só de implantar a súa sectaria axenda ideolóxica, os veciños reclaman menos programación partidista e máis xestión”.

O popular insiste en que “reclamamos, varias veces, a necesidade de limpar e manter en condicións os sumidoiros da nosa rede de saneamento, para que poidan canalizar a auga de chuvia, pero a realidade é que sempre están cheos de follas e terra, mentres a alcaldesa di que estaban limpos, pero non é certo”.

“Non é difícil pasearse por Santiago e ver as rexas dos sumidoiros cheas de follas, terra e restos; se o aliviadoiro de Pelamios estivera limpo, como reclamaron os veciños, non se producirían asolagamentos nese barrio”, destacou.

Segundo de la Fuente, “o BNG debería ter elaborado un plan preventivo de mantemento e limpeza dos leitos dos ríos e un continuo esforzo por manter limpos os sumidoiros da rede de saneamento, pero ambas actuacións preventivas que evitarían os moitos asolagamentos que se producen non se teñen feito, os nacionalistas non se toma en serio este problema e os asolagamentos seguirán a producirse, xa que os servizos municipais actúan sempre a posteriori, cando o dano está feito”.