O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, volveu pedir hoxe, desde o Parlamento de Galicia, unha condena expresa á alcaldesa de Santiago e ao BNG polo ataque machista da CIG a Fabiola García, conselleira de Política Social, pero tamén veciña de Santiago.

Audio: Borja Verea condena o ataque machista e a non defensa da alcaldesa

Verea recoñeceu que “esperaba un pouco máis de valentía, tiña esa esperanza”, porque “eu pedinlle ao concello de Santiago que defendera a unha veciña de Santiago, unha alcadesa muller que defendera a unha veciña de Santiago ante un ataque machista, pero non puido ser; que pena, verdade?”, lamentou.

E é que a semana pasada, desde o Partido Popular de Santiago se lle pediu expresamente en rolda de prensa á alcadesa de Santiago unha condena firme ante o ataque machista a Fabiola García, unha veciña de Santiago ademais de conselleira, pero o certo é que Sanmartín non foi quen de condenalo apelando a que o PP non está en situación de dar leccións de feminismo ao BNG.

Verea afirmou no Parlamento, tras a ausencia de condena por parte do goberno de Santiago e do BNG, estar convencido de que “se están enrocando nunha rúa sen saída, porque é unha auténtica pena que a alcaldesa de Santiago non teña a valentía de defender a unha veciña de Santiago dun ataque machista tan cutre”.