O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, solicitoulle hoxe ao goberno local que proceda a abonar os cartos que lles deben ás entidades colaboradoras nos comedores escolares. “Estamos a falar -subliñou o popular- dunha débeda de máis de medio millón de euros, posto que son 309 bolsas de 45 euros ao mes e 822 bolsas de 90 euros, o que supón que levan medio ano adiantando os cartos do seu propio peto, para que os nenos e nenas poidan comer”.

“Cando xa estamos en marzo de 2025, -dixo- o goberno local non pagou nin un só euro das bolsas de comedor dende o mes de setembro, é dicir, levan seis meses sen pagar, o que supón unha situación sen precedente e dunha gravidade extrema”.

Remarcou que “a pregunta é clara: onde está o diñeiro?, porque os números que presentaron indican que o orzamento está, pero os pagos non chegan e, mentres, o goberno municipal utiliza a súa maquinaria propagandística para anunciar aumentos de fondos, pero logo abandona ás entidades que sosteñen o sistema e permite que se afundan economicamente”.

Borja Rubio insistiu en que “o goberno municipal leva meses presumindo de que aumentaron as bolsas de comedor escolar e de que reforzaron os servizos sociais; falan de cifras récord, de compromiso, de xustiza social, pero a realidade, coma sempre, é moi distinta”.

“As consecuencias disto son gravísimas, posto que xa hai entidades que xa non poden asumir máis meses sen cobrar; hai comedores que están ao bordo do colapso; e, de seguir así, a curto prazo, haberá problemas serios para garantir a alimentación dos cativos e cativas que dependen destas bolsas”, agregou.

Para o edil popular, “isto non é só unha mala xestión, é unha auténtica vergoña e unha falta de respecto intolerable, xa que falamos de nenos e nenas, de familias vulnerables e de entidades sen ánimo de lucro que están asumindo a incompetencia do goberno municipal, con recursos que non teñen”.

“Preguntámonos a que están esperando?, a que algún comedor teña que pechar?, a que deixen de dar de comer aos nenos, porque xa non poden asumir máis débeda? -subliñou-, pero nós temos claro que, se iso chega a pasar, a única responsabilidade será deste goberno local, que está a demostrar que nin sabe, nin quere xestionar un servizo básico”.

Rubio remarcou que, dende o PP de Santiago, “esiximos unha resposta inmediata, non queremos máis propaganda, non queremos máis fotos, nin máis anuncios, o que queremos é que paguen de inmediato os máis de 500.000 euros que se deben; queremos que este goberno municipal asuma as súas responsabilidades e garanta que o sistema de comedores escolares funcione con normalidade”.

Para rematar, o concelleiro popular asegurou que “nós non imos permitir que se xogue coa alimentación dos nenos e nenas, nin coa supervivencia das entidades colaboradoras, porque os servizos sociais non poden ser só un slogan electoral, son unha obriga”.