Os concelleiros do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente e Nerea Barcia, visitaron o local social de Figueiras, onde puideron comprobar as evidentes deficiencias e carencias que soportan estas instalacións e que teñen provocado a suspensión de actividades.

Por isto, os populares consideran necesario incrementar as frecuencias de limpeza, xa que agora mesmo son claramente insuficientes para manter a instalación en adecuadas condicións; e arranxar as máis que visibles goteiras que, cando chove, comprometen as actividades que se desenvolven no local e resultan perigosas, pois algunhas fan charcos nas propias escaleiras interiores de acceso ao salón de actos.

Así mesmo, Nerea Barcia explicou que “a instalación eléctrica está obsoleta, non resiste as necesidades de potencia de enerxía que precisan as actividades que se desenvolven no local social”.

De la Fuente agregou que tamén é preciso cambiar as luminarias, posto que son antigas e precisan moita potencia, “deberían ter sido substituídas hai tempo por unha novas con eficiencia enerxética -agregou-, pero o certo é que seguen cunhas antigas que iluminan pouco e consumen moito, acendes algunhas luminarias e xa saltan os térmicos, como denuncian as persoas usuarias desta instalación”.

A concelleira popular remarcou que “falamos dunhas instalacións anticuadas, tanto que recentemente retiraron varios radiadores antigos pero, sorprendentemente, non os substituíron por outros, polo que o frío impide en moitas ocasións a celebración de actividades, que teñen que ser aprazadas ou suspendidas”.

Finalmente, os edís populares insistiron en que o local social necesita unha importante intervención que repare as deficiencias, sobre todo, as humidades e o sistema eléctrico, que resulta urxente.