A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, vén de propoñer que se leven a cabo distintas melloras no barrio de Sar que faciliten a vida cotiá das súas veciñas e veciños, “ante a falta de interese e incapacidade de xestión que está demostrar o goberno local, algo que vai camiño de converterse na súa sinal de identidade”.

Para a popular, “a actual situación desta zona de Santiago é lamentable, o mal estado das beirarrúas, tal e como nos traslada a veciñanza, é moi evidente e nalgúns puntos teñen, incluso, que transitar pola estrada, con risco que isto supón para os peóns”.

“Un dos lugares que hai que arranxar, de forma urxente, -subliñou a popular- é o paso superior de madeira da rúa de Sar, que se convirte nunha auténtica pista de patinaxe para os viandantes cada vez que chove e, ademais, a solución non parece requirir dunha intervención demasiado complexa ou custosa, xa que bastaría con aplicar un verniz antideslizante e levar a cabo un mantemento axeitado, co fin de evitar a acumulación de musgo, herba e follas”.

Otero igualmente destacou que “a ponte romana de Sar tamén necesita actuacións de mellora, posto que o seu pavimento se atopa nun estado lamentable, xa que non son poucas as lousas que están completamente soltas, polo que transitar en coche por aí é cada vez mais molesto e perigoso”.

“Ademais dos problemas para os condutores, o estado actual no que se encontra a ponte -dixo a popular-, supón unha absoluta falta de respecto polo patrimonio da cidade, situación que se repite en case que todos os recunchos do noso Casco Histórico, que está ateigado de pintadas e carteis en paredes e portas, entre outras”.

Otero afirmou que “o desleixo do goberno municipal é tal que non son quen nin de escoitar aos veciños e veciñas dos barrios nos que eles mesmos viven”, polo que, preguntouse, “que pode esperar a veciñanza doutras zonas do concello?, como é posible que non vexan o estado no que se encontran as infraestruturas e as rúas da cidade que pisan todos os días?”.

“Desde o Partido Popular de Santiago, vémonos unha vez máis, e seguramente non será a última, na obriga de pedir ao goberno local que atendan ás necesidades das veciñas e veciños da capital de Galicia, e lles dean resposta”, subliñou.