Santiago de Compostela é sinónimo de convivencia, universalidade e diálogo. Ser o máximo representante público dunha capital cultural, espiritual e de valores universais con proxección mundial como Santiago esixe máis que en ningunha outra administración gobernar para todos e olvidarse das cores políticas.
Nunca un goberno local en Santiago utilizou de xeito tan partidista a institución municipal que, lembremos, é de todos os composteláns. Falar de “desprezo”, “falta de decoro” ou “esmola” cando a máxima representante pública de Compostela se refire á institución autonómica e á súa Presidencia é actuar, non como unha alcaldesa de todos os santiagueses senón como unha afiliada radical do BNG, que en dous anos destrozou décadas de boa relación entre Xunta de Galicia e Concello de Santiago.
Chegando ao ecuador deste triste mandato municipal, hoxe é un clamor en Santiago que estamos ante un goberno fallido; onde CA, PSOE e BNG son un freo ao progreso de Compostela. Non son quen de solucionar a peor crise de seguridade que se vive en Santiago en anos; arrastramos gravísimos problemas de limpeza, hixiene e salubridade pública e padecemos a peor flota de autobuses de España. Todos vemos como o resto de cidades, galegas, españolas e europeas avanzan, ilusionan, crean, innovan e progresan mentres nós lembramos, mandato tras mandato, tempos mellores.
Para tapar esta incompetencia a alcaldesa de todos os compostelans non ten problema en poñer á cidade de todos a disposición do BNG e romper décadas de boa relación entre Xunta de Galicia e Concello de Santiago. Queremos responder a cada unha das mentiras que nesa Carta Aberta da alcaldesa acabamos de coñecer.
O actual goberno autonómico, co respaldo parlamentario do Partido Popular de Galicia, e nomeadamente co meu voto no Parlamento, fixo o maior incremento ao Estatuto da Capitalidade dos últimos 15 anos; un incremento do 10%, cinco veces por encima do que medra o orzamento total. O goberno municipal do BNG pedía cantidades imposibles que só buscaban o conflito. Coa mesma maioría parlamentaria, e tamén co meu voto, aprobouse, por primeira vez na historia de Galicia, a habilitación legal para poñer en marcha a taxa turística en Santiago, hoxe atascada no concello que preside a alcaldesa.
Este goberno local do BNG contou cos orzamentos máis altos que nunca se coñeceron na nosa cidade, con resultados nulos, e sen embargo pide a outras administracións que arranxen necesidades exclusivamente municipais mentres multiplica por dous a contratación e o gasto en asesores, sendo xa o goberno máis caro da historia de Santiago.
Diciamos que Santiago é sinónimo de convivencia, universalidade e diálogo. Ser alcalde de Santiago esixe máis que en ningún outro sitio, gobernar para todos e olvidarse das cores políticas. E esto debería de ser unha esixencia maior nunha persoa que tivo só o respaldo electoral directo de 6 concelleiros de 25, lexítimamente elevada a alcaldesa cos pactos de PSOE e CA. Unha alcaldesa legal, pero moi lonxe de entender e sentir a nosa cidade milenaria.
Borja Verea Fraiz
Presidente do Partido Popular de Santiago de Compostela