O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, mantivo unha reunión coa veciñanza das rúas da contorna do Pexigo que están a sufrir numerosos cortes de auga, que lle impiden levar a cabo tarefas esenciais da vida cotiá. Ante esta situación, o popular propón a toma de medidas, de xeito urxente, que permitan ter un subministro digno da capital de Galicia.
“Non é de recibo -subliñou Villa- que, en pleno século XXI e no centro de Santiago, nos atopemos problemas deste calibre, que unhas veciñas e veciños, día si e día tamén, sufran repentinos e continuos cortes de auga, motivados pola rotura de tubarias”.
O edil popular explicou que os veciños se puxeron en contacto numerosas veces co goberno local para que atopase unha solución, co fin de isto non volvera a ocorrer, “pero dende o Concello o único que fan son pequenos arranxos que non son solución de nada, xa que un día tapan un burato nun sitio e ao día seguinte, senón no mesmo día, volve a romper uns metros máis alá”.
Adrián Villa destacou que “xa é hora de que o goberno nacionalista poña fin a unha situación caótica e incomprensible para unha cidade como Santiago de Compostela, sobre todo, porque esta desfeita está a afectar a unha veciñanza que paga os seus impostos e o recibo da auga como outros e non pode realizar as tarefas máis esenciais dentro das súa vivendas, co prexuízo que isto lles supón”.
O concelleiro popular lembrou que o goberno local leva dous anos de mandato e nada se sabe do novo contrato para a xestión do servizo municipal da auga, que debe de estar enredado nunha espiral de estudos e, mentres, os principais prexudicados son os cidadáns”.