O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, pídelle á alcaldesa de Santiago que explique “por que mentres ao resto da cidadanía non se lles permite utilizar aplicacións como Cabify ou Uber, o Concello de Santiago recomenda e a alcaldesa contrata servizos de VTC ilegais con fondos públicos”.

Tamén debe explicar á cidadanía por que, dende o Concello de Santiago se recomendan e contratan de VTCs para facer traxectos ilegais e non se recomenda o servizo público de taxis.

Ten que respostar, ademais, “como unha entidade pública pagou con cartos públicos, VTCs ilegais, o que nos sitúa ante un uso fraudulento de recursos públicos, xa que unha Administración incumpre a súa propia normativa o que supón un feito moi grave”.

“Se todos os invitados do Concello están chegando en VTCs dende o aeroporto e a estación de tren é evidente –subliñou Borja Verea- que están incumprindo a normativa á vista de todo o mundo, polo que vimos de solicitar por escrito, tanto ao Concello como a Cidades Patrimonio, que se fagan públicos o número de viaxes en VTC ilegais, que se fixeron durante o evento do Grupo Cidades Patrimonio, entre o 13 e o 16 de marzo, porque aquí se detectou un, pero queremos saber se houbo moitos máis”.