O Partido Popular de Santiago vén de denunciar que o goberno local segue “desmantelando” os servicios municipais. Nesta ocasión, tócalle a quenda ao deporte base compostelán, xa que se nega a buscar unha solución a un conflito laboral dos traballadores que prestan servizo de conserxería e limpeza en diversas instalacións deportivas na cidade, un problema do que teñen coñecemento dende hai tempo e que agora estoupa.
Os concelleiros populares, Olaya Otero, José Ramón de la Fuente e Borja Rubio, reuníronse cos traballadores afectados e puideron coñecer, de primeira man, a situación laboral e as reivindicacións que veñen a provocar este parón.
De la Fuente subliñou “a postura, en aras da negociación, que mantiveron en todo momento os traballadores, dispostos incluso a chegar a un acordo que non tivera efectos inmediatos, pero si garantira, no futuro, a terminación da actual situación que mantén a distintas persoas coa mesma categoría profesional e mesmas funcións, con diferentes condicións sociolaborais”.
O popular explicou que “a resposta da responsable de interlocución do goberno local cos traballadores, emprazándoos a “ir á folga se queren conseguir algo”, é directamente irresponsable e incomprensible”.
“Non se pode tratar a uns traballadores desta maneira -engadiu De la Fuente-, sobre todo, cando teñen demostrada vontade de chegar a un acordo, e cando as consecuencias da folga van afectar á maioría dos clubs e entidades deportivas da cidade e a miles de familias”.
Os edís populares lamentaron esta falta de vontade para o acordo por parte do goberno municipal, dado que, de materializarse a folga convocada, as competicións deportivas dos vindeiros fins de semana non se poderán celebrar, o que ocasionará aprazamentos de partidos e mesmo a supresión de adestramentos, que resultará moi difícil recuperar a estas alturas da tempada, e mesmo poderían causar responsabilidades e prexuízos para os nosos equipos.
O problema ven provocado por unha mala planificación da contratación por parte do goberno, quen para unha mesma prestación (conserxería e limpeza en instalacións deportivas) ten distintos contratos segundo a instalación; así, hai persoas da mesma empresa que fan o mesmo, pero que dependendo da instalación onde presten servizo, teñen condicións salariais e laborais distintas, creando un agravio comparativo que non ten sentido.
“O goberno local debe implicarse na busca dunha solución a un problema que el mesmo xerou, por unha mala planificación da contratación ou configuración dos pregos, agora non pode esconderse detrás de que se trata dun problema entre empresa e traballadores”, remarcou.
Para os concelleiros populares, o goberno ten que sentarse xa coa empresa e os traballadores, co fin de buscar un principio de acordo que posibilite a desconvocatoria da folga e “non mirar cara outro lado e deixar que se leve a cabo o parón, o que sería unha auténtica irresponsabilidade”.