O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, pídelle ao goberno local que recapacite levante a prohibición e permita o uso residencial nos locais comerciais en barrios como Conxo, o que permitiría aumentar a oferta de vivendas a prezo asequible, tanto para aluguer como para mercar, e facilitaria tamén poder fixar poboación na capital de Galicia.
“Zonas como Conxo ou a Choupana -subliñou Verea- deberían ter a posibilidade de reconverter os baixos en vivendas, o que suporía un antes e un despois, non só nestes barrios, senón en toda a cidade”.
Para o líder popular, esta é unha medida “pioneira e innovadora que sempre defendemos e que fomentaría o acceso á vivenda, evitaría a degradación urbana, potenciaría a rehabilitación da cidade e a sostibilidade ambiental, ademais de frearía a marcha de veciñas e veciños cara concellos limítrofes”.
Tal como indicou Verea, “no barrio de Conxo dáse a circunstancia de que hai un gran número de baixos sen actividade concentrados en poucas rúas, o que supón unha imaxe de insalubridade urbana, feismo e inseguridade”.
“Esta situación déixanos un auténtico escenario de deserto comercial e houbo tempo de sobra para consolidar esa diferenciación de usos, pero a realidade é que leva máis de 20 anos sen funcionar, polo que resulta evidente que hai que facer algo, e nós, como xa dixemos anteriormente, se gobernásemos, autorizaríamos dita reconversión, primeiro en Conxo, como proxecto piloto, para logo poder estendelo noutras partes de Compostela”, destacou.
Borja Verea sinalou que, se o goberno local recapacita, aquí van estar os 11 votos do Partido Popular de Santiago para permitir que os baixos que levan anos abandonados poidan ter unha segunda oportunidade como vivenda..