O Partido Popular de Santiago, a través da nosa concelleira, María Baleato, solicítalle ao goberno local que proceda á retirada dos colectores do lixo que se atopan pegados ao inmoble da rúa Fonte de Santo Antonio, nº 25, tal como reclaman as veciñas e veciños da zona.
“A veciñanza -explicou Baleato- vén amosándonos o seu malestar dende hai tempo, xa que estes cubos están, case sempre, cheos de lixo, luxan as paredes do inmoble ao que están pegados e deterioran gravemente a hixiene e a imaxe desta rúa”.
A concelleira popular destacou que “nestes colectores figura, expresamente, o horario de depósito, que é de 21 a 22.30 horas, pero a realidade é que alí hai lixo todo a xornada, o que provoca cheiros moi desagradables e, o que é máis preocupante, xera insalubridade para os residentes e para a xente que por alí pasa ao longo do día, podendo atopar, en calquera ocasión, ás ratas paseando pola rúa”.
“Tras varias queixas -remarcou Baleato-, o goberno municipal amósase incapaz de atopar unha solución a esta problemática e, mentres tanto, a veciñanza e os visitantes que pasan por esta rúa, que se atopan na entrada do Casco Histórico, “seguirán soportando a mestura indiscriminada do lixo, o depósito a calquera hora do día e falta de hixiene e salubridade”, destacou a edil popular.