O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denuncia a deplorable situación do campo de fútbol da Mercé de Conxo, que conta cuns vestiarios nun estado impresentable para unha instalación situada na capital de Galicia e por onde pasan, cada día, centos de deportistas e, cada fin de semana, o usan moitos rapaces e rapazas que chegan doutras localidades e que marchan cunha imaxe lastimosa das mesmas.






“Os equipos de Santiago senten vergoña – destacou De la Fuente- diante dos equipos doutras poboacións que visitan o campo de fútbol que, ao chegar, comproban, incrédulos, o estado das instalacións, que a parte de estar en malas condicións, tamén son insuficientes, inaccesibles e inseguras, en resumo, son impropias dunha cidade como Santiago”.
O popular denunciou que “os pratos de ducha, os urinarios e os inodoros atópanse nunha situación impropia do século que vivimos e, a maiores, hai varias semanas que se caeu parte do teito dos vestiarios que, por puro azar, non causou danos persoais, e a día de hoxe, non está reparado”.
“Así mesmo, -remarcou o popular-, o sistema de auga quente é antigo e insuficiente para atender a actual demanda, polo que os xogadores e as xogadoras teñen que ducharse habitualmente en auga fría; case a diario, se atascan as tubarias de saneamento, impedindo o desaugue dos inodoros e, moitas veces, inundando os propios vestiarios”.
De la Fuente insistiu en que “nin a instalación, nin o acceso ao campo, nin ningunha das súas dependencias garanten o paso a persoas con mobilidade reducida, resulta imposible moverse pola instalación en cadeira de rodas. Por outra banda, as luminarias que recorren o camiño ao campo están, literalmente, atornilladas ás árbores e os cables eléctricos que as alimentan saltan de árbore en árbore atados ás pólas sen ningún tipo de seguridade”.
José Ramón de la Fuente explicou que, a pesar do estado descrito, “o goberno local non contemplou ningunha partida orzamentaria para intervir nas instalacións do campo de fútbol de Conxo, polo que non cabe esperar unha actuación a curto prazo, o que constata o escaso interese do BNG pola situación do deporte na cidade, a pesar de que anunciaron, ao comezo do seu mandato, un plan de mantemento de infraestruturas deportivas, pero, a día de hoxe, non fixeron nada”.
“Sexa porque non sabe ou porque non quere, o certo é que o goberno local non acaba de tomarse en serio os graves problemas no eido do deporte, o mesmo dá que falemos da falta de infraestruturas, que do mal estado das instalación ou das condicións laborais do persoal que traballa nas mesmas”, dixo.