O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, reuniuse coa veciñanza do barrio da Guadalupe, unha zona da capital de Galicia que leva anos sufrindo un claro abandono por parte do goberno municipal e que ten numerosas deficiencias, motivo polo que o edil popular pide que execute as medidas necesarias que poñan fin a esta situación.

Durante a visita, o popular puido comprobar como existe un gran número de vivendas en clara situación de abandono, o que está a xerar preocupación ante posibles ocupacións, unha inseguridade que, ademais, se acentúa coa falta de iluminación na rúa do Campiño, vía que dá acceso a numerosas vivendas por un só carril de circulación de dobre sentido e compartido cos peóns, e que non conta con luminaria.

“Xa, na propia rúa da Guadalupe, -explicou Villa- a veciñanza solicita tamén unha actuación integral no referente ás beirarrúas, porque hai diferentes desniveis, que dificultan gravemente a accesibilidade das persoas que transitan con carriños de cativos ou mesmo en cadeira de rodas, que se ven na obriga de transitar pola estrada”.

Durante a visita, o edil popular puido comprobar tamén a falta de roza en diferentes fincas privadas e públicas, maleza que invade as estradas e beirarrúas, facendo estas intransitables e, o que resulta máis perigoso, provocan falta de visibilidade, cando estes accesos son compartidos en ambas direccións de circulación.

Para Adrián Villa, o barrio da Guadalupe “está a sufrir un imporante deterioro a pasos axigantados” e, como consecuencia, cada día son menos a persoas que alí residen, cuestión pola que o edil solicitou a “implicación directa e inmediata do goberno nacionalista”, tanto no referente ao mantemento ordinario e melloras para unha correcta accesibilidade, como no que ás vivendas baleiras e en estado de abandono se refire.