O Partido Popular de Santiago, a través do seu concelleiro, José Ramón De la Fuente, reclámalle ao goberno local que habilite un espazo de 100 m2 para que o tirador con arco, José Paz, poida preparar en Santiago, sen ter que trasladarse ata Ferrol, os Xogos Paralímpicos de 2028. “É unha mágoa -dixo De la Fuente- que un compostelán busque levar o nome da cidade aos xogos olímpicos e dende o Concello o ignoren e sería un erro que fose outra vila a que, finalmente, o promocione”.

José Ramón De la Fuente engadiu que “nin sequera, o reciben, o que demostra unha total falta de sensibilidade cun veciño de Santiago que sufre distrofia muscular que o mantén incapacitado e que é un exemplo de vida, loita e superación, algo que debera, por si mesmo, derrubar calquera obstáculo político e administrativo”.

Para o popular, o problema, ademais da evidente falta de sensibilidade, é que “o goberno municipal carece de política deportiva, limítanse a intentar saír do paso, día a día, sen ter feito unha diagnose das necesidades, tanto loxísticas como de instalacións, nin ter un plan de infraestruturas deportivas, tal e como se comprometeron no seu programa electoral”.

“O máis sorprendente de todo -indicou De la Fuente- é que todos os problemas que atopa José Paz en Compostela, en Ferrol si foron capaces de arranxalos e ata alí ten que acudir tres días á semana para adestrar”.

“Os nacionalistas aseguraron que Santiago permitiría o uso social e masivo das instalacións deportivas, ademais de abrir, totalmente, as portas das infraestruturas deportivas para todas as idades e para diferentes capacidades, pero á vista está que non era realmente unha intención, nin sequera una promesa, só era pura propaganda”.
De la Fuente remarcou que “na cidade faltan instalacións deportivas e as que hai non están a ser aproveitadas axeitadamente porque non hai plan nin vontade, o goberno local tomou a decisión de priorizar outras áreas de xestión máis cómodas para o seu entramado ideolóxico e deixou abandonado o deporte, que xestiona con evidente desgana e falta de ideas”.

“Se o Concello non é quen de atopar un espazo de 20×5 metros, co fin de que un compostelán poida adestrar para unhas Paraolimpiadas, que podemos esperar de darlle solución aos graves problemas de instalacións que temos na cidade?”, concluíu.