A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, vén de solicitarlle ao goberno local que arranxe a estrada de Trasformarís, que pasa por Sionlla de Arriba e conecta a Nacional-550 co Polígono da Sionlla, pola que diariamente se desprazan numerosos vehículos, tanto veciños de Santiago como do Concello limítrofe de Sigüeiro.

“O cada vez maior fluxo de coches, -explicou Otero-, incluso de grande tonelaxe que esta vía ten que soportar, sumado á súa total falta de mantemento, converten esta pequena estrada rural de acceso ó polígono, no que poderiamos chamar unha autopista de alta perigosidade, tanto polos danos que o moi deficiente estado do firme puidera causar aos vehículos, senón que tamén, para as persoas que se desprazan pola mesma”.

A edil popular destacou que “os buratos e fochancas que invaden este vieiro son de gran profundidade, con pedras de gran tamaño soltas sobre o firme e, a isto, hai que engadir, a presenza de bocas de canalización de auga sen cubrir e sen ningún tipo de elemento protector ou de sinalización que advirta do perigo que aparellan”.

“Chama especialmente a atención a inexistencia de beirarrúas en gran parte deste itinerario e tamén que, onde as hai, a cantidade de herba, maleza e lixo as ten engulido por completo, polo que na meirande parte da vía resulta difícil distinguir que o que alí hai sexa unha beirarrúa”, subliñou.

A popular remarcou que, “tal e como a veciñanza vén demandado é imprescindible que se leve a cabo unha intervención que adecúe esta vía ás súas necesidades actuais, que inclúa un asfaltado do pavimento e a construción de beirarrúas que garantan a seguridade dos transeúntes”.

“É evidente -dixo- que esta vía leva anos sen que se teña realizado ningún tipo de mantemento e tamén que o goberno local ou non lle importan os problemas da veciñanza ou, o que é peor, que darlle solución aos mesmos non está entre as prioridades dos nacionalistas”.

Así, subliñou a popular, “convidamos ao goberno a achegarse á zona e comprobar a urxente necesidade de dar resposta as reivindicacións das veciñas e veciños desta aldea da Sionlla e recordámoslles que a súa obriga é traballar polo benestar da veciñanza compostelá”.