A concelleira do Partido Popular de Santiago, María Baleato, vén de propoñer que se deseñe e leve a cabo un itinerario accesible no parque da Alameda, co fin de garantir o paso a estes espazos verdes, sobre todo. aos grupos de poboación que presenten algún grao de discapacidade física, sensorial ou intelectual, tendo en conta que “os nosos parques, xardíns e zonas verdes son espazos de encontro, reunión e ocio para unha gran maioría dos cidadáns”, remarcou..
Baleato subliñou que, “nalgunhas cidades, estes lugares xa dispoñen de itinerarios sinalizados accesibles para persoas con mobilidade reducida ou con discapacidade visual que facilitan a visita autónoma por parte do usuario”.
“Como dicía, -remarcou a edil popular-, estas áreas de lecer son sitios nos que desenvolvemos parte da nosa vida cotiá e que nos ofrecen servizos e equipamentos para o encontro, o paseo, o xogo, o repouso; pero tamén, paradoxicamente, onde se atopan gran número de barreiras ou impedimentos que limitan a parte deses usuarios a súa autonomía, benestar ou capacidade de elección”.
Estas barreiras poden limitar liberdades tan fundamentais da persoa como o dereito á participación, á cultura, ás actividades recreativas ou deportivas, ou mesmo á relación en liberdade, provocando que estes lugares perdan a súa natureza como espazos de socialización.
María Baleato destacou que “Santiago é unha cidade que se pode circunvalar paseando polos seus parques e xardíns, pero cremos que deberíamos avanzar moito máis na elaboración de itinerarios accesibles, empezando polo Parque da Alameda, xa que é un emblema da nosa cidade”.