O Partido Popular de Santiago, a través dos seus concelleiros Olaya Otero e José Ramón de la Fuente, propón que se poñan en marcha as medidas necesarias para arranxar a praza de San Roque, situada en pleno Casco Histórico e que se atopa nun estado de abandono lamentable.

Os edís populares amosaron a súa preocupación pola evidente falta de mantemento sistemático e continuado, que ten levado a este precioso recuncho da nosa cidade a un claro e penoso deterioro.

Para De la Fuente, “esta situación non é aceptable e menos tendo en conta que é un lugar de moito tránsito peonil, ao tratarse do camiño de conexión entre a amendoa da cidade histórica e o norte de Compostela”.

“Non se lembra -explicou o concelleiro popular- cando foi a última vez que se fixo unha limpeza da fonte, habitualmente chea de follaxe e, neste momento, invadida por maleza que a esta deteriorando gravemente, de feito, ten serias e múltiples fendas que fan que perda auga por varios sitios, o que provoca que varias zonas da praza estean permanentemente inundadas, degradando así o espazo no seu conxunto e dando unha imaxe de abandono”.

De la Fuente denunciou tamén que “os bancos están rotos, sucios e nun estado que os convirte en perigosos, cheos de ocos, picadas e astillas que, xunto coa auga que se acumula debaixo deles, os fan impracticables para sentarse neles cun mínimo de seguridade”.

Por outra banda, aseguraron os edís populares, “desde que se cambiaron as luminarias, como no resto da cidade, a luz na propia praza de San Roque, na praza da Atalaia e na rúa de Santa Cristina é moi escasa, o que fai que, xunto coa súa configuración, se teñan convertido en lugares inseguros e mesmo difíciles de transitar”.

“A esta situación hai que engadir que o Concello é cicatero coas podas, provocando permanentes zonas sombrías e que incluso algunhas ramas se achegan mesmo ás fiestras dalgunha vivendas, que cando chega a noite a sensación de inseguridade é inevitable”, insistiu.

José Ramón De la Fuente destacou, demais, que “o goberno local non parece estar igual de preocupado polo estado de prazas e rúas da cidade cuxo mantemento, limpeza e situación son da súa directa e exclusiva responsabilidade, que por eses solares en ruínas dos que recentemente iniciou o procedemento para puxa pública que, curiosamente, están moi preto da praza de San Roque”.

“Se o goberno municipal estivera igual de pendente de dar exemplo, seguro que esta praza e outras zonas da cidade non estarían no estado no que se atopan agora mesmo”, subliña de la Fuente.

Ante isto, o Partido Popular reclámalle ao goberno local que leve a cabo unha intervención urxente nese entorno, comezado coa limpeza e selado da fonte, para que deixe de verter auga; a reparación ou substitución dos bancos e da numerosa cantería rota ou en mal estado, que xa ten provocado algún percance a persoas con mobilidade reducida; e unha poda en condicións das árbores da praza.