A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, vén de reiterar a necesidade de que a cidade se adhira ao Plan Director que está a desenvolver o Clúster das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) de Galicia, “tal como xa fixemos no Pleno ordinario do pasado mes de febreiro”, lembrou.
Olaya Otero sinalou que “hai que ter en conta que este sector é un dos seis niveis industriais declarados como estratéxicos, xunto coa industria metalmecánica, a automoción, a construción naval, o forestal madeira e a loxística industrial, polo seu elevado crecemento e a xeración de emprego de calidade”.
“Galicia ocupa xa a quinta posición a nivel estatal en número de empresas TIC, -agregou Otero- o que reflicte o dinamismo e potencial deste ecosistema no noso territorio, polo que este Plan Director constitúe unha ferramenta clave para impulsar a creación de novas compañías tecnolóxicas; fortalecer o ecosistema dixital e diversificar a economía compostelá, o que contribuiría a reducir a dependencia do sector servizos”.
Olaya Otero remarcou que, “por isto, non deixa de sorprender que, ante unha iniciativa deste calibre, o goberno local decida manterse ao marxe e dea as costas ás posibilidades que a adhesión a este Plan presenta para a economía santiaguesa”.
“Máis incrible resulta aínda, e non menos preocupante, que o goberno municipal admita, en Pleno ordinario, que descoñece a existencia deste Plan Director, o que amosa unha falta de interese e pasividade á que, por desgracia, xa nos ten acostumados”, insistiu.
A edil popular destacou que, cando teñen pasado dous anos de mandato, “aínda seguimos sen saber cal é a folla de ruta do goberno local para acadar a diversificación económica en Santiago”, polo que se pregunta: “cal é a estratexia dos nacionalistas para atraer industria á nosa cidade?, como pensan reducir a dependencia que a nosa economía ten do sector servizos?”.
“Esiximos ao goberno local -dixo- que pese a que no Pleno non tiveron reparo en absterse na votación sobre esta iniciativa, dado que esta foi aprobada, cumpran co acordo acadado e se adhiran a este Plan Director, xa que non fácelo será unha nova oportunidade perdida”.
Otero subliñou que “a nosa cidade conta cun enorme potencial, polo talento existente na Universidade de Santiago e nas compañías TIC, que xa desenvolven nela, unha actividade punteira e innovadora, polo que Compostela, como capital de Galicia, debe traballar para fortalecer ás empresas tecnolóxicas e da comunicación, atraer investimentos e posicionarse como referente do sector”.