O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, pediu hoxe explicacións ao goberno local tras coñecerse que mentiron sobre a contratación de VTCs ilegais por parte do Concello.

Para Verea resultan inaceptables as declaracións da alcaldesa negando que o Concello de Santiago contratase nada. “Hoxe sabemos que iso non é certo e, polo tanto, mentiron aos cidadáns e aos medios de comunicación”, afirmou.

O Partido Popular de Santiago tivo acceso a documentación oficial sobre o número de desprazamentos en VTCs durante o evento de Ciudades Patrimonio, do pasado mes de marzo, e tamén sobre grao de participación do Concello, despois de que se fixese público que o 14 de marzo, os inspectores de transporte identificaron a un vehículo VTC, que tiña un contrato de servizo dentro do propio Concello, un contrato ilegal, un servizo que constaba contratado polo propio Concello de Santiago.

Esta documentación é clara: foron 29 viaxes urbanas e non 1, todas xestionadas polo persoal do Concello, e non por Ciudades Patrimonio como sinalara aos medios a alcadesa descargando toda a responsabilidade no xerente do Grupo. Así, salientou o líder popular, “sabemos que foi o Concello quen se comunicou coa empresa de VTCs para organizar todos os traslados e sabemos que a VTC identificada era a punta do iceberg, xa que podemos estar falando de ata 29 traxectos ilegais feitos nesas datas”.

Verea destacou ademais que “a pesar de ter o peor servizo de autobuses de España e, como consecuencia disto, ter o servizo de taxis desbordados, o goberno local prohibía a todos os cidadáns a utilización de VTCS dentro de Santiago, incluso anunciaba que estaba sancionando a VTCs que facían estes servizos urbanos. E, ao mesmo tempo, agora sabemos que contrataba e organizaba 29 servizos de VTCs ilegais”. Neste senso preguntouse “por que non contrataron 29 servizos de taxis como temos que facer todos os cidadáns? Por que levan 2 meses ocultando toda esta información e mentindo á opinión pública?”.

O tamén deputado autonómico lamentou a actitude de impunidade e soberbia deste goberno mentindo descaradamente á cidadanía e a toda a opinión pública, “non podemos permitir que o goberno encargado de cumprir as normas sexa o primeiro que as incumpre, e ademais dun xeito tan groseiro”. “Así dedícanse a freír a multas a todos os veciños, mentres eles son os primeiros en incumprir, e ademais negando, mentindo, e botándolle a culpa a terceiros inocentes”, insistiu.

Neste senso, amosou a súa inquedanza polas moitas preguntas que hai aínda por contestar, unha vez confirmadas e descubertas todas estas mentiras que se querían ocultar. “Alguén pensa asumir algún tipo de responsabilidade? Quen dá a orde de mentir á cidadanía? Que se quería ocultar con esta mentira mantida no tempo? Vanse tramitar e investigar os 29 expedientes de sanción como consecuencia dos posibles 29 traslados ilegais?”

Verea salientou ademais que as multas acumuladas poderían ascender a cantidades que van desde os 60.000 ata os 180.000 euros e preguntou tamén se “vai pagar a alcaldesa esas cantidades?”.

Así, fixo fincapé ademais en que este goberno “foi o primeiro goberno da historia que incumpriu un informe de Patrimonio e danou gravemente a Praza do Obradoiro; foi o primeiro goberno que levou o retraso do pago a provedores a cifras históricas; e vai ser o primeiro goberno da historia de Santiago que terá que multarse a si mesmo por 29 expedientes de sanción, coa vergoña engadida de intentar ocultar todo isto con mentiras descaradas impropias dun goberno que non nos merecemos os composteláns”.