A concelleira do Partido Popular de Santiago, María Baleato, propuxo que se leve a cabo a mellora da sinalización do patrimonio cultural da cidade, “porque a actual non é a que merece unha capital que, ademais, é Patrimonio da Humanidade”.
A popular subliñou que, ”neste momento, chegar ata a Catedral ou á Colexiata de Sar, dende a estación do tren ou dende calquera outro punto de Compostela, debería estar correctamente sinalizado, pero a realidade é que non é nada doado atopar os lugares importantes da cidade”.
“Sabemos ademais, -dixo Baleato- que o goberno local destinou case 460.000 euros ao servizo de implantación e posta en funcionamento do sistema de sinalética intelixente do patrimonio cultural, contrato que vencerá o vindeiro día, 24 de maio, sen posibilidade de prórroga, polo que é moi probable que os cartos se perdan e esta sexa outra oportunidade perdida máis para o noso Concello”.
A popular subliña que, “na entrada do Camiño Francés, os peregrinos poden atoparse coas letras de ‘Santiago’ e usan este lugar para facer fotos e compartilas nas redes; pero tamén deixan obxectos no sinal, zapatillas colgadas, bandeiras e calquera outro tipo de símbolos que son testemuñas da súa peregrinación a Compostela, algúns deles non del todo axeitados, polo que esa non debería ser a imaxe que quede na retina das persoas que nos visitan, polo que, dende o PP de Santiago, reclamamos que se reforce a limpeza deste elemento”.
“Nos outros Camiños de Santiago -sinalou Baleato- non figuran elementos de sinaléctica demasiado claros e consideramos que podería ser bo, tamén para o noso Concello e para a súa proxección nacional e internacional, a instalación dalgún tipo de elemento indicativo coas letras Santiago, que embelezan a entrada da cidade e melloren a nosa imaxe”.