O Partido Popular de Santiago, a través do seu concelleiro, José Antonio Constenla, vén de denunciar a improvisación do goberno local na reubicación de distintos servizos municipais, motivada polas obras de conservación e mellora que se van a levar a cabo no pazo de Raxoi, O popular explicou que “esta falta de previsión e información supón un importante prexuízo tanto a traballadores como aos cidadáns que teñan que facer calquera trámite e aínda descoñezan a onde teñen que dirixirse”.

José Antonio Constenla remarcou que “un exemplo claro desta situación é o servizo de Urbanismo, que pasará á chamada Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega, onde os traballadores convivirán en salas repletas de caixas e ordenadores no chan e onde ata 7 funcionarios do Servizo de Licenzas veranse obrigados a compaxinar, nun espazo reducido e con pouca ventilación, o traballo de oficina coa atención aos veciños”.

“Este traslado -explicou o edil popular- non é novo, xa que hai meses que o goberno municipal sabía desta mudanza pero, como é costume, os nacionalistas esperaron ata o último momento para facelo con presa e correndo, o que mostra unha total falta de empatía, de información e un desprezo cara o persoal e os seus dereitos laborais e, desde logo, unha desidia total coa veciñanza, que serán mal atendidos nun lugar inapropiado”.

O popular destacou que “os afectados xa trasladaron as súas queixas tanto ao concelleiro como á alcaldesa, pero ningún dos dous manifestaron interese algún en arranxar este problema”, o que demostra que “pouco parece importarlle ao goberno local que os funcionarios municipais teñan que desenvolver o seu traballo en lugares e condicións inadecuadas dende o punto de vista da prevención de riscos laborais”.

“Dende o Partido Popular, queremos denunciar unha situación que vai durar máis dun ano e que redundará no empeoramento da calidade do servizo dun departamento, o de Urbanismo, xa moi conxestionado e que soporta retrasos desproporcionados”, asegurou.