O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, reclamoulle ao goberno local que poña en marcha melloras para distintos espazos do compostelán barrio de Sar, que está a soportar “unha evidente falta de mantemento e limpeza”. “Non estamos ante cuestións illadas -explicou-, senón que o mesmo escenario podémolo atopar en calquera barrio ou parroquia da capital de Galicia”.
Villa concretou que “a veciñanza ve como, cada día que pasa, o desleixo do goberno nacionalista ante este deterioro, sobre todo na ponte romana, vai en aumento. Dende hai semanas, e logo de numerosos avisos, -subliñou- pódese observar como esta infraestrutura ten o firme de pedra totalmente levantando, o que xera un grave prexuízo para os vehículos que por alí circulan e que, con ese tránsito, están a agravar o estado desta histórica ponte”.
O edil popular denunciou tamén “falta de mantemento nas beiras e no interior do río, onde a vexetación invade o monumento, quitándolle visibilidade e, a maiores, provocando que o crecemento, entre as pedras, das herbas e maleza segue incidindo no seu empeoramento”.
No referente á praza da Colexiata, “as veciñas e veciños tamén denuncian problemas co crecemento da vexetación no firme, co que xa se ten producido algún que outro escorregamento das persoas que transitan por alí”, destacou.
O concelleiro popular puxo o foco tamén na senda peonil das Brañas do Sar que, en plena primavera e coa chegada do bo tempo, “atópase visiblemente abandonada, sendo un paseo moi transitado a diario pola veciñanza. O abandono é tan evidente que, no seu percorrido ao paso polo barrio, hai un vehículo cos cristais rotos e sen rodas dende hai semanas, que o goberno local non foi quen de retirar da vía pública”.
Adrián Villa lamentou que “a capital de Galicia teña un goberno municipal que non merece, porque non está no día a día da cidade, non é capaz de escoitar nin de reaccionar e que, ademais, ten Santiago sucio e abandonado”.