O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, pediu hoxe no Parlamento de Galicia explicacións ao BNG e CA sobre as 600 Vivendas de Uso Turístico ilegais, segundo o goberno local, que hai en Compostela, “se o goberno do BNG ten a seguridade de que hai 600 VUTS ilegais, por que non as cerra? Por que non as precinta? Por que din semana tras semanas que hai 600 vivendas ilegais pero non as pechan? Ten todas as competencias para facelo, nada impide que estando no REAT se poidan pechar”, sinalou.
Verea reprochoulles que leven sen responder a esa pregunta meses e aproveitou unha comparecencia no Parlamento para volver a pedir explicacións, “temos aquí un plan de inspección turística serio, ordenado e con datos; e por outro lado temos ao BNG e CA gobernando en Santiago de Compostela e qué é o que fan coas Vivendas de Uso Turístico? Din que as prohibiron en Santiago, din que só hai 66 legais, e que a Xunta de Galicia ten que dar de baixa no REAT a unhas 600 e non quere”. “Pero por que non as precintan eles xa que as competencias son exclusivamente municipais?”, insistiu.
Para o líder popular só hai dúas respostas posibles a esta pregunta. “Unha, que non sexa certo que hai 600 vivendas ilegais, que eu sinceramente non creo, porque non creo que o goberno local estea mentindo con información oficial que so el manexa” afirmou. Polo tanto “se é verdade -continuou- e o goberno do BNG sabe da existencia de 600 VUTS ilegais, e non as pecha, sendo os competentes para pechalas e sendo a súa obriga pechalas aínda que sigan no REAT, está demostrando que son un perigo público, un perigo público político á fronte dunha administración”, alertou Verea.
O informe do ministerio de consumo
Verea quixo amosar ademais o seu asombro polo informe do Ministerio de consumo, “canto mais sabemos do famoso informe de Ministerio de Consumo sobre as 9.000 vivendas de uso turístico ilegal máis sorprendidos estamos” continuou o deputado autonómico, “xa que o boato da súa presentación na Praza do Obradoiro utilizando ao goberno local do BNG e CA non se corresponde co que imos sabendo”, denunciou.
Así, Verea destacou que “hoxe coñécese que o tan publicitado informe tan so é unha tabla excell mal feita, con datos erróneos descargados das plataformas”. “Unha posta en escena desordenada, imprevista e desleal” que tivo como mensaxeiro “ao goberno do BNG e CA que nunca perde unha oportunidade para atacar á industria turística compostelá”, mentres segue sen responder “por que non executa as súas competencias e obrigas e pecha as 600 vivendas turísticas que todas as semanas di que seguen abertas, xa que pode facelo independentemente de que estean de alta ou non no rexistro autonómico”.
“O que fixo o Ministerio de Consumo utilizando ao goberno local de BNG e CA en Santiago foi unha auténtica irresponsabilidade” apuntou Borja Verea, “sen ningún tipo de expediente de inspección axustado a dereito e anunciando a través dun pseudo-informe que en Galicia hai 9.000 vivendas turísticas ilegais, poñendo en risco o prestixio do sector e danando a imaxe do pais” rematou.