O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, asegurou, en relación ás actividades municipais de conciliación de verán, que “o goberno nacionalista incumpre os acordos aprobados no Pleno, non coordina nada e repite o mesmo de sempre”. “Un ano despois de aprobarse, por unanimidade, que se debería planificar unha campaña de verán conxunta, volvemos ao mesmo: actividades publicadas por separado, datas distintas, prazos diferentes e unha absoluta falta de ambición”, indicou o popular.

Rubio remarcou que o goberno local “ten unha total falta de planificación, tamén, na organización das actividades municipais de conciliación para este verán, facendo caso omiso da proposta aprobada co fin de que se coordinen todas as accións municipais de conciliación, baixo unha estratexia unificada, con calendario común, criterios comúns e unha imaxe que facilitase o acceso da cidadanía”.

“Volvemos -dixo- ter aos departamentos de Centros Socioculturais, Educación e Xuventude publicando cada un pola súa conta, con formularios distintos, prazos diferentes e sen ningunha lóxica de cidade, algo que non é serio”.

O popular lamentou que “a oferta de conciliación siga sendo a mesma desde hai anos, sen innovación, sen ampliación de prazas e sen adaptación ás novas necesidades das familias compostelás, o que demostra que non hai ambición, nin ideas novas e, sobre todo, non hai vontade de poñer a conciliación como prioridade real”.

“O goberno nacionalista -dixo- pensa que con repetir as actividades de sempre e poñerlles un cartel novo xa cumpre, pero a capital de Galicia merece unha planificación seria, estratéxica e pensada para as familias e para as crianzas”.

Deste xeito, o edil popular insistiu en que “o PP de Santiago esíxelle ao goberno local que cumpra o acordo plenario de 2024 e que se presenten as actividades de conciliación cun calendario unificado; e se traballe cun enfoque estratéxico para ampliar a oferta e facilitar a vida das familia, posto que o verán non pode ser cada ano un exercicio de improvisación institucional”.