A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, visitou A Barciela, onde puido escoitar e comprobar, da man da asociación de veciños, os numerosos problemas que está a padecer esta parroquia compostelá. A popular considera que, “no pode pasar máis tempo, sen que se arranxen as fochancas nas distintas estradas desta zona, que cada vez son maiores e supoñen unha falta de seguridade no tránsito dos vehículos”.
“A pista de Benavente e o cruce co aeroporto están sen asfaltar, -explicou Barcia- carece de beirarrúas e de pasos de peóns, o mesmo que no resto da parroquia, situación que provocou algún que outro desgusto; ademais, na vía da Barciela fixeron un arranxo, que deixou a zona peor, xa que cando chove hai algunha vivenda que se asolaga e se ve afectada por esta desfeita”.
Barcia asegurou tamén que “hai que instalar unha marquesiña para que os estudantes, que acoden ao CEIP e ao IES, poidan esperar o autobús de forma segura e resgardados da choiva”.
Así mesmo, subliñou que, “co consenso da veciñanza, é necesario levar a cabo un proxecto para a instalación de parques infantís e biosaudables, que lles permitan desfrutar da parroquia ao aire libre, algo que o goberno local non parece estar moi disposto a facer”. “Como ben dixemos en diversas ocasións, -remarcou- ter lugares ao aire libre de ocio, tanto para pequenos como para maiores, é moi importante, xa que é onde se poden compartir espazos interxeneraionais e alternativos á tecnoloxía”.
Para a popular, tamén están pendentes de limpar as gabias e ribeiras dos ríos que discorren pola parroquia, pero “é evidente -dixo- que estamos ante un goberno que leva dous anos sen facer nada polo rural e as respostas que reciben as veciñas e veciños non teñen coherencia e supoñen o mesmo mantra ‘non hai cartos’.
Nerea Barcia subliñou que “o Partido Popular de Santiago leva moito tempo pedindo solucións para as demandas da veciñanza do rural, sen que o goberno local faga nada, a pesar de ter prometido que esta zona de Compostela sería unha das súas prioridades”.
Finalmente, Barcia insistiu en que “a falta de limpeza tanto na cidade como no rural é unha gran problemática, pero para os nacionalistas non parece ser un problema, xa que os veciños se queixan, pero non reciben nin respostas, nin solucións”.