A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, denunciou a evidente falta de limpeza e abandono do río Sarela ao seu paso polo parque municipal de Galeras. A popular destacou que, ante isto, “esiximos a roza e limpeza urxente, xa que a veciñanza ten dereito a gozar de zonas de desfrute en condicións axeitadas e o goberno local ten a obriga da preservación e adecuación destas áreas”.

“O abandono é tal que incluso a canle fluvial non é visible en determinados puntos, atopándose asolagada polo arborado e maleza, ao que se engade que as saídas das augas pluviais están taponadas pola vexetación, -engadiu-, co que vemos un espazo natural convertido nunha toxeira, pola inoperancia do goberno nacionalista”.

Otero remarcou que “a veciñanza de Compostela ten dereito a convivir nun Concello limpo, a desfrutar de espazos públicos en condicións saudables, polo que a limpeza é esencial e, ademais, non podemos permitir a degradación dun río que descorre pola capital de Galicia”.

“A imaxe deplorable que ofrece o río Sarela no seu descorrer por este barrio compostelá -explicou a popular-, onde a limpeza e mantemento brillan pola súa ausencia, son unha mostra máis da desidia dun goberno municipal incapaz de manter o patrimonio público nas condicións axeitadas”.

Finalmente, Yolanda Otero insistiu en que “o deterioro paulatino da cidade é manifesto e notable; as queixas da veciñanza pola limpeza viaria e de parques e xardíns, entre outras, son diarias, o que evidencia a pasividade e desatención do goberno nacionalista pola nosa cidade”.