O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, manifestou hoxe “o total apoio á comunidade educativa da escola infantil municipal de Fontiñas que, nestes días, está a sufrir unha situación absolutamente inxustificable, con aulas que rexistra temperaturas de ata 29 graos, por falta de climatización, unha realidade que pon en risco a saúde e o benestar das crianzas de 0 a 3 anos”.
Borja Rubio alertou que “o goberno nacionalista leva dous anos ignorando un problema coñecido que pon en risco a saúde das crianzas”. Así, incidiu que “desde o PP de Santiago esiximos unha intervención inmediata para dotar a este centro das condicións necesarias de confort térmico, comezando por medidas urxentes de adaptación neste verán e avanzando cara a un plan integral de climatización e eficiencia enerxética en todas as escolas de titularidade municipal”.
“Numerosas familias veñen de trasladarnos -explicou o popular- o seu malestar e preocupación, xa que esta situación, lonxe de ser puntual, é recorrente cada verán sen que dende o goberno local se adopten medidas efectivas”. Para Rubio, “estamos ante unha neglixencia continuada, que evidencia unha preocupante falta de planificación”.
“Falamos de nenos e nenas moi pequenos que están expostos a condicións térmicas perigosas, polo que se trata dunha situación indignante, posto que os nacionalistas levan dous anos coñecendo esta realidade e non fan absolutamente nada para solucionala”, denunciou o concelleiro popular.
O popular destacou que “a situación ven de lonxe e tampouco foi abordada con seriedade polos anteriores gobernos do tripartito BNG, CA, PSOE”, pero incidiu, especialmente, “na inacción do actual goberno local, formado por BNG e CA, que levan dous anos ao fronte do Concello sen poñer en marcha nin unha soa medida correctora”.
“É un novo exemplo -dixo- da súa política de escaparate: moito discurso de coidados e igualdade, pero nula capacidade de xestión cando se trata de garantir servizos públicos dignos para a veciñanza. Santiago merece máis e, sobre todo, as crianzas non poden seguir sendo as grandes esquecidas desta cidade”, subliñou Rubio.
“Estaremos sempre ao lado das familias e das traballadoras que cada día dan o mellor de si malia a falta de medios, posto que o noso compromiso coa educación infantil pública e de calidade é firme, fronte á deixadez dun goberno nacionalista que nin escoita nin actúa”, concluíu.